O Goberno abre a porta a que as e os xornalistas ensinen lingua e literatura
O Goberno recoñece a través dun Real Decreto a capacitación do título en Xornalismo para impartir as asignaturas de lingua castelá e literatura, literatura universal e literatura dramática en centros privados, así como do de Comunicación Audiovisual para ensinar cultura audiovisual. Mais a conquista desta reclamación histórica non pode facer esquecer que aínda é precisa a habilitación das e dos xornalistas para outras materias que coinciden coa súa base formativa.
O Boletín Oficial del Estado deste mércores 22 de marzo recolle a publicación do Real Decreto 187/2023, de 21 de marzo, aprobado onte no Consello de Ministros, polo que se modifican os requisitos para acceder á docencia no ensino secundario obrigatorio e en bacharelato en centros privados. Entre as novidades introducidas, as persoas tituladas en Xornalismo poderán impartir as materias de Lingua Castelá e Literatura na ESO, así como Lingua Castelá e Literatura I e II, Literatura Universal e Literatura Dramática en Bacharelato. As persoas con titulación en Comunicación Audiovisual, pola súa banda, estarán capacitadas para a docencia de Cultura Audiovisual en Bacharelato.
O Goberno dá carta de legalidade así a unha reclamación histórica da profesión xornalística, que xa se vía recollida no borrador do decreto, pero, como manifestamos os colexios integrados na Rede de Colexios de Xornalistas nas alegacións ao mesmo, esquece capacitar ás persoas co título de Xornalismo ou Comunicación Audiovisual para a docencia doutras materias igualmente compatibles coa base formativa dos estudos de comunicación. Así, seguen sen se considerar as titulacións de Xornalismo e Cultura Audiovisual como habilitantes para impartir asignaturas como Lingua Estranxeira, Dixitalización, Educación Plástica, Visual e Audiovisual ou Expresión Artística, cuxas bases formativas coinciden con boa parte dos contidos que se imparten nestas materias. Tampouco se permite o acceso das persoas tituladas en Xornalismo ao ensino de Cultura Audiovisual nin ás de Comunicación Audiovisual ás asignaturas de Lingua e Literatura.
O Colexio de Xornalistas congratúlase da mellora do acceso dos egresados e egresadas en Xornalismo e Comunicación Audiovisual á docencia, unha saída profesional que cada vez escollen máis profesionais ante a reducción de postos de traballo nas redaccións que impuxeron as distintas crises do xornalismo. Con todo, resulta preciso seguir a reivindicar a capacitación dos e das xornalistas para impartir determinadas asignaturas, de cara a que teñan acceso a todas aquelas materias que coinciden coa súa base formativa.
CPXG