O EJC publica unha guía para axudar aos freelances a informar sobre pobreza

O European Journalism Centre disponibiliza unha guía para axudar ás e aos xornalistas freelance a informar sobre situacións de pobreza. Con esta publicación complétase unha serie de oito documentos con consellos para informar sobre vacinas, xénero, xornalismo de solucións, refuxiados e migracións, desinformación, obxectivos de desenvolvemento sustentábel e cambio climático.

O European Journalism Centre (EJC) vén de publicar A guía do freelance para informar sobre pobreza, que busca axudar aos xornalistas á peza a contribuír a unha mellor cobertura das situacións de pobreza, adoptando unha perspectiva multidimensional, combatendo estereotipos e mitos e axundando ás persoas a saír desa situación. 

A guía, disponíbel unicamente en inglés, aclara conceptos como pobreza monetaria, pobreza multidimensional ou pobreza extrema, ademais de ofrecer consellos de especialistas para desenvolver historias desde a comunidade, centrarse en solucións e na innovación social, ter visión a longo prazo, reflectir a complexidade do fenómeno da pobreza ou utilizar a visualización de datos para mostrar as desigualdades. A información complétase cunha serie de enlaces para acceder a máis recursos. 

Con esta publicación complétase unha serie de oito guías publicadas polo EJC con vistas a facilitar o tratamento dos xornalistas freelance de distintos asuntos de actualidade.  As outras temáticas abordadas polas guías son as vacinas, o xénero e a identidade, o xornalismo de solucións, as persoas refuxiadas e migrantes, a desinformación, os obxectivos de desenvolvemento sustentábel e o cambio climático.

O EJC é un instituto independente sen ánimo de lucro, con sede en Maastricht, que ten como obxectivo ofrecer unha formación continua a xornalistas e profesionais dos medios de comunicación.

CPXG