O CPXG rexeita unha convocatoria de emprego na USC na que non se require a titulación de Xornalismo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclama á Universidade de Santiago de Compostela que corrixa unha convocatoria de xornalista que non inclúe a titulación específica como requisito. Nunha carta, a decana Belén Regueira lémbralle á reitora Rosa Crujeiras que non é a primeira vez que a súa institución fai de menos a propia titulación que imparte na selección do cadro de persoal. 

A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal, en nome da Xunta de Goberno, dirixiuse por carta a Rosa Crujeiras Casais, reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para transmitirlle, no nome da Xunta de Goberno, o malestar do Colexio ás condicións da convocatoria dunha lista de espera da categoría profesional xornalista. En concreto, a devandita convocatoria estabelece como requisito "estar en posesión de titulación universitaria oficial de: grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes", sen ningunha referencia á titulación específica de Xornalismo. 

Na misiva, a decana lembra que "só a titulación en Xornalismo, en Comunicación Audiovisual ou mesmo a colexiación poden asegurar que a elaboración da información sobre a Universidade sexa tratada con garantías e profesionalidade" e salienta o feito de que a propia institución pública non sexa quen de poñer en valor as titulacións que imparte á hora de seleccionar o seu propio cadro de persoal, ademais de lembrar que non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas ten que dirixirse á Universidade por esta cuestión. 

Por esta razón, desde o Colexio de Xornalistas solicítase á reitora que se revise a convocatoria e se inclúan nos requisitos as titulacións de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, e/ou a colexiación, así como que se tomen as medidas oportunas para que nas futuras convocatorias de emprego da USC se esixa a formación específica.

CPXG