O CPXG rexeita a guerra e chama a garantir a seguranza dos xornalistas e o cumprimento dos códigos deontolóxicos
Tras a invasión de territorio ucraíno por parte de Rusia na madrugada deste xoves, e co asasinato de José Couso sempre na memoria e no corazón, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere facer público unha vez máis o seu rexeitamento á guerra. Así mesmo, realiza un chamamento aos gobernos para que garantan a seguranza dos profesionais que exercen o seu compromiso de informar do conflito sobre o terreo, así como aos xornalistas para que verifiquen a información difundida e cumpran escrupulosamente co código deontolóxico.
Actualmente, máis de 1.000 correspondentes estranxeiros atópanse en Ucraína, sumándose no labor de informar aos miles de profesionais da comunicación dese país. Logo do estourido do conflito bélico esta semana, do mesmo xeito que o Colexio de Xornalistas, foron varias as organizacións de xornalistas que responderon facendo chamamentos a garantir a seguranza dos comunicadores e manter os estándares deontolóxicos na realización de información ou condeando o estourido do conflito bélico.
A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) realizou un manifesto de apoio aos seus afiliados ucraínos, o Sindicato de Medios Independentes de Ucraína e o Sindicato Nacional de Xornalistas de Ucraína e á súa petición de que os medios de comunicación manteñan os estándares éticos e profesionais á hora de informar sobre o conflito, instando aos xornalistas internacionais a usaren sempre fontes de información verificadas e a seguiren as regras de seguranza. A FIP publicou tamén unha lista de precaucións para os informadores que cubran o enfrontamento bélico e creou un comité especial para apoiar aos xornalistas sobre o terreo.
Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) alerta sobre o perigo de que os xornalistas sexan albo dos ataques rusos, e solicita aos contendentes e ás organizacións internacionais que garantan a seguranza dos informadores. "Alén dos xornalistas ucraínos, máis de 1.000 correspondentes estranxeiros estiveron sobre o terreo en Ucraína nos últimos días", lembra a organización internacional. Ademais, RSF denuncia a guerra informativa que acompaña ao conflito, con ciberataques contra polo menos dous medios de comunicación ucraínos: a web de Kanal 5, unha canle de televisión, e o Kyiv Post, un xornal en inglés; ademais dunha censura en Rusia á información sobre a "operación especial" en curso.
A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) fixo público un comunicado no que “condena o ataque perpetrado por Rusia contra o estado soberano de Ucraína, pide que este conflito sexa resolto mediante o diálogo e esixe a todas as partes implicadas que respecten o traballo dos e das xornalistas sen interferir nin manipular a información". A FeSP denuncia tamén as "informacións nesgadas" dalgúns medios de comunicación e fai un chamamento a que "non contribúan a incrementar o enfrontamento e desempeñen o seu labor coa verdade e o dereito á información como única guía". "Una vez más, hoxe e sempre hai que berrar un rotundo 'No a la guerra'", conclúe o comunicado.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia