O CPXG reclama participar na futura lei do segredo profesional e a posta en marcha do Consello de Colexios
En relación co debate sobre o anteproxecto de lei reguladora do segredo profesional do xornalismo, a decana Belén Regueira Leal, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, dirixiuse por escrito este luns ás distintas autoridades españolas e galegas e aos representantes dos grupos parlamentarios para reclamar a participación dos colexios profesionais, representantes das e dos xornalistas, na elaboración dunha lei tan esencial para a profesión.
No seu escrito, a decana manifesta a satisfacción do Colexio de Xornalistas porque tras case 47 anos de demora se vaia cumprir o mandato da Constitución de desenvolver xuridicamente o segredo profesional, mais lamentando a un tempo que nin este nin ningún colexio profesional fose consultado no proceso de redacción do anteproxecto. Neste sentido, acusa as institucións do Estado de manter un "menosprezo sistemático" cara ás corporación de dereito público que representan as e os xornalistas, unha desconsideración que se ve especialmente na falta de creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas cando xa hai un cuarto de século que debera estar formado.
Así mesmo, de cara a evitar unha extensión do segredo profesional que podería ser "desastroso tanto para a profesión como para toda a sociedade", pide que a nova lei defina o que é un ou unha xornalista de maneira que a normativa ampare as persoas que, contando coa titulación e a formación universitaria específica, investigan, recompilan, analizan e difunden información veraz por calquera medio de comunicación, guiadas nas súas actuacións polos códigos deontolóxicos da profesión xornalística.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas reclama participar na elaboración desta e calquera outra lexislación que afecte os e as xornalistas, sexa de maneira directa ou a través da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas; que se aproveite a oportunidade para crear o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas, mediante unha lei propia ou mediante unha disposición adicional nesta ou algunha outra normativa; e que se inclúa unha definición precisa de xornalista que teña en conta as consideracións dos colexios profesionais.
CPXG