O CPXG reclama ao Concello de Curtis que contrate a un xornalista para o servizo de comunicación

O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, reclamou nunha misiva a Javier Francisco Caínzos Vazquez, alcalde de Curtis, que corrixa o prego de prescricións técnicas dun contrato para o Servizo de Comunicación e Relacións Públicas do Concello, que reclama o Grao en Publicidade e Relacións Públicas para un posto de claro perfil xornalístico. Ante a falta de resposta do Concello, o Colexio lembra que a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual ou a colexiación son os requisitos axeitados para unha contratación destas características. 

O pasado 3 de maio anunciouse a licitación dun contrato para o Servizo de Comunicación e Relacións Públicas do Concello de Curtis. As actuacións do devandito servizo, segundo o prego de prescricións técnicas, inclúen funcións claramente propias dun ou dunha xornalista, como a elaboración do plan global de comunicación, a redacción e envío de notas de prensa, a xestión das relacións cos medios ou a cobertura de actos. Porén, no mesmo documento especifícase que para cumprir cos requisitos a persoa que execute a contratación ten que posuír o Grao en Publicidade e Relacións Públicas.

O decano Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, enviou o 10 de maio unha misiva a Javier Francisco Caínzos Vazquez, alcalde de Curtis, para solicitarlle a rectificación do prego de cara a indicar, explicitamente, que o devandito contrato terá coma requisito que a persoa que o execute posúa a titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual e/ou sexa membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, por considerar que estas son as condicións que se corresponden co posto en cuestión. Transcurrido case un mes, o Colexio de Xornalistas non recibiu ningunha resposta por parte do Concello.

O Colexio de Xornalistas , como entidade que representa legalmente os e as xornalistas galegas, e en cumprimento do obxectivo de defensa da profesión que marcan os seus estatutos, lembra que só a titulación correspondente ou a colexiación son garantías dun tratamento correcto e profesional da información no ámbito público. Por todo isto, reitera a súa solicitude ao Concello de Curtis as modificacións necesarias para que ese posto, con funcións informativas, estea ocupado por unnha persoa que sexa xornalista.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia