O CPXG PRESENTARÁ UN RECURSO ANTE O TRIBUNAL SUPREMO CONTRA OS BLOQUES ELECTORAIS NOS INFORMATIVOS DAS TELEVISIÓNS PUBLICAS

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vai presentar co Col.legi de Periodistas de Catalunya e coa Asociación da Prensa de Madrid un recurso ante o Tribunal Supremo contra a resolución da Xunta Electoral Central que obriga ás televisións públicas a reservar tempos fixos nos seus informativos diarios para dar conta da actividade de campaña das distintas formacións políticas que concorren ás eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo.
O CPXG considera que esta práctica de incluír por imperativo legal actos de propaganda política como noticias dentro dos espazos informativos vai en contra da obriga democrática de separar a información da opinión e da propaganda.

Conforme á Constitución Española, os titulares do dereito á información son os cidadáns e os que teñen o deber de darlle satisfacción a ese dereito son os medios de comunicación, especialmente os públicos, e os xornalistas.

Os criterios cos que se debe seleccionar e transmitir a información son os de relevancia e interese público e non o interese partidario. Por tanto, a relevancia e presenza que deba ter unha proposta política nun espazo informativo dunha televisión pública debe estar determinada pola transcendencia e relevancia pública de tal proposta e non pola representación parlamentaria que teña determinada formación política.

O dereito constitucional que teñen os partidos e coalicións para facerlles chegar as súas propostas e mensaxes ós electores está garantido xa pola existencia dos espazos gratuítos que teñen ó seu dispor nas televisións públicas

Esta imposición significa unha deturpación do dereito á información que se ve agravada pola práctica inadmisible dos dous partidos maioritarios que lles impiden ás televisión gravar os seus mitins e obríganas a utilizar as imaxes que serven, realizadas polas propias formacións políticas, con criterios partidarios e de propaganda, incompatibles de raíz co obrigado rigor e obxectividade do traballo do xornalista.

O CPXG reclama unha vez máis a democratización e profesionalización das televisións públicas. Son o instrumento básico para a formación do sentido do voto nunha campaña electoral e a decisión do voto ten que estar baseada na información contrastada e no debate de ideas, non na emisión de espazos de propaganda disfrazados de información.

O CPXG quere denunciar o paradoxo de que a Xunta Electoral Central obrigue ás televisións públicas a emitir como información mensaxes partidarias de campaña e non lles garanta ós cidadáns o acceso ós debates entre os principais candidatos a través das televisións que deben ser de todos.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2008

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)