O CPXG pide accións legais contra o sinalamento ao editor de 'El Jueves'

Este martes 6 de xullo, a conta oficial de Twitter de Vox sinalaba publicamente o editor da publicación satírica El Jueves asegurando que "difunde odio contra millóns de españois".  O partido político animaba desde a rede social aos seus seguidores e simpatizantes a esixirlle "responsabilidades, á saída do despacho", indicando a súa localización.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que esta publicación representa un chamamento público a acosar ás persoas responsables dunha publicación, e que mesmo podería considerarse como unha ameaza. Unha actuación tan grave, polo tanto, non debera quedar legalmente impune.

Cómpre recordar tamén que Vox segue a impedir o acceso aos seus actos a aqueles medios de comunicación que non considera afectos, malia a existencia de ditames xudiciais en contra desta práctica.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia