O CPXG organiza un webinar sobre información xudicial con María Pardo

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o webinar "Que información oficial teñen a obriga de me dar os xulgados e tribunais?", impartido por María Pardo, xefa do Gabinete de Comunicación e Protocolo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 26 de novembro entre as 11.00 e as 13:00 horas, a través da plataforma de formación online do CPXG. 

Como unha rama do xornalismo especializado, o xornalismo xudicial tense convertido nun dos principais xéneros deste oficio, cunha ampla presenza nos medios de comunicación en correspondencia á importancia do sistema xudicial dentro dun estado de dereito. Mais a inmediatez e a precarización do xornalismo fan que os e as profesionais que cubren os procesos xudiciais non sempre estean familiarizados coas especificidades dun eido tan característico e sistematizado como o dos tribunais. Neste webinar, achegarémonos ao coñecemento da estrutura dos órganos xudiciais e a especial terminoloxía da disciplina, imprescindíbel para informar con exactitude das decisións dos tribunais, así como ás fases dos distintos procedementos xudiciais. O obxectivo é contribuír a que os e as xornalistas informen á cidadanía de maneira clara, sinxela e rigorosa sobre a actualidade xudicial. 

O webinar estará impartido por María Pardo Ríos, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e experta en comunicación e protocolo xudicial. Xefa do Gabinete de Comunicación e Protocolo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desde hai unha década, neste período organizou a difusión de información de xuízos cunha grande relevancia mediática, como os derivados dos accidentes do Prestige ou o Alvia, ou de crimes como o caso Asunta ou o caso Diana Quer. Ademais, é directora de cursos sobre comunicación xurídica e oratoria para membros da carreira xudicial, fiscal e forenses e formadora en proxectos de colaboración internacional da Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoass que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do xoves 24 de novembro, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG