O CPXG organiza obradoiros sobre tratamento da violencia de xénero abertos a toda a profesión na Coruña, Santiago e Vigo

O Colexio de Xornalistas organiza tres novos obradoiros sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, dentro do proxecto que xa levou esta formación ás redaccións dalgúns dos principais medios galegos. Cada formación, gratuíta e aberta a toda a profesión, realizarase en horario de mañá nun sábado: o 26 de setembro en Santiago, o 3 de outubro en Vigo e o 17 de outubro na Coruña. Esta actividade é posíbel é grazas ao convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026, e xa ten aberta a inscrición en liña. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, con tres obradoiros gratuítos que se realizarán en horario de mañá en Santiago de Compostela (26 de setembro), Vigo (3 de outubro) e A Coruña (17 de outubro). Estas xornadas buscan achegar a formación a profesionais que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións, mais tamén están abertos a xornalistas dos grandes medios que, por unha razón ou outra, non puideron asistir aos obradoiros anteriores. 

A formación en Santiago de Compostela vai ter lugar no Edificio Cersia (Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n) o sábado 26 de setembro en horario das 10:00 ás 13:00 e vai estar impartido por Susana Pedreira. O seguinte sábado, 3 de outubro, será a quenda do obradoiro en Vigo, que se realizará na cooperativa A Morada (Rúa Enrique X. Macías, 6), das 10.00 ás 13.00 horas, da man de Marga Tojo. Finalmente, Fátima Frieiro será a encargada da xornada formativa na Coruña, que terá lugar o sábado 17 de outubro, na Sala Multiusos do Centro Cívico CIdade Vella, en horario de 10:30 a 13:30. Todas as formadoras recibiron formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.

Para poder asistir a estes obradoiros é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación. 

Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis, dos que xa se realizou o primeiro no Diario de Pontevedra.  Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026. 

A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".

CPXG