O CPXG, o Concello de Pontevedra e a AICE impulsan a reflexión sobre a información cinematográfica, o 26 de novembro en Pontevedra
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) organizan o vindeiro 26 de novembro unha conversa aberta para público profesional, baixo o título Informar sobre cine. O encontro, que vai celebrarse a partir das 19.00 horas na Casa da Luz de Pontevedra (Praza da Verdura, s/n), contará coa presenza de María Guerra, Ángel Suanzes e Andrea Villa, e estará encadrada na programación dos Premios Feroz, promovidos pola AICE.
Informar sobre cine pretende buscar respostas, desde a realidade galega, a algúns dos retos e interrogantes que pairan sobre o exercicio do xornalismo relativo ao sétimo arte: os límites da información cinematográfica, as dificultades para especializarse na materia, a confusión entre información e promoción, o papel da crítica e outras cuestións que condicionan a profesión hoxe en día na nosa contorna.
Para iso, o acto vai contar coa participación da presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, María Guerra, o xornalista cinematográfico Ángel Suanzes e a comunicadora cultural e audiovisual Andrea Villa. Mais, alén da mesa redonda, o encontro quere converterse nunha conversa aberta á participación e as achegas de todos os profesionais interesados na información cinematográfica na nosa comunidade.
Debido ás prazas limitadas, para participar no acto é imprescindíbel a inscrición a través deste formulario: https://forms.gle/e2h219RDqq2tcw9t8. Para calquera dúbida e máis información pódense realizar consultas ao correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
Participantes na conversa
María Guerra, presidenta da AICE desde 2018, é a directora e presentadora do programa de cinema La Script, actualmente en formato podcast tras ser emitido pola Cadena Ser e Movistar+. Vinculada á información cinematográfica desde 1993, formó parte tamén do equipo do El Cine de Lo Que Yo te Diga na Cadena Ser e realiza una sección de cine semanal en Cuerpos Especiales de Europa FM.
Ángel Suanzes ten exercido de xornalista cinematográfico na Televisión de Galicia durante case vinte anos, con coberturas internacionais en festivais como os de Cannes, Venecia ou San Sebastián, así como nos Premios Goya e Mestre Mateo. Recoñecido co Chimpín de prata no Festival de Cans 2023, actualmente traballa como redactor na Radio Galega.
Andrea Villa tense ocupado da comunicación de proxectos como a Academia Galega do Audiovisual, os Premios Mestre Mateo, a produtora Portocabo, o Festival de Cans, o Novos Cinemas, o S8, Curtocircuíto ou o OUFF. Traballa tamén na programación e dirección do Carballo Interplay e na promoción de filmes e series. Actualmente forma parte do equipo de comunicación dixital de Elastica.
CPXG