O CPXG lembra as recomendacións sobre tratamento do suicidio e abre ás colexiadas e colexiados o webinar sobre esta temática

Con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra as ferramentas para un tratamento axeitado deste problema de saúde pública e dispoñibiliza para todas as colexiadas e colexiados, de maneira gratuíta, o curso de formación online Informar sobre suicidio: cando, como e para que, impartido por Gabriel González Ortiz.

Hoxe, martes 10 de setembro, celébrase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, unha data estabelecida en 2003 pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio, en colaboración coa Organización Mundial da Saúde. Este ano a convocatoria realízase baixo o lema Cambiar a narrativa sobre o suicidio, que busca inspirar a individuos, comunidades, organizacións e gobernos a participar en discusións abertas e honestas sobre o suicidio e o comportamento suicida.

Por moito tempo, o xornalismo defendeu o silenciamento das condutas suicidas, que representan a primeira causa de morte por motivos non naturais na nosa contorna. Mais esta tendencia cambiou nos últimos anos e unha maior presenza nas axendas informativas demostrou que os medios poden converterse nun axente na prevención do suicidio. A reportaxe «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», de Ángel Paniagua, que recibiu este ano o accésit do V Premio Somos Esenciais, ou a peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», finalista no 2023, son bos exemplos que é posíbel e necesario un tratamento respectuoso e responsábel desta problemática.

Consciente deste cambio de paradigma e da necesidade de fornecer de ferramentas para o tratamento das condutas suicidas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar as recomendacións que ten dispoñibilizadas para unha mellor información nos medios galegos. Xunto ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, realizouse a Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios. O documento inclúe recomendacións como tratar estas noticias como un tema de saúde, enfocar o suicidio como un fenómeno multifactorial, empregar sempre fontes fiábeis e expertas, ou non describir con detalle os métodos empregados, ademais dunha serie de fontes galegas especializadas e outra información de interese. Tamén é de utilidade o Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidio, realizado polo Ministerio de Sanidade coa colaboración da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas. E, por suposto, como toda información, as novas sobre suicidio deben respectar os mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.

Ademais disto, o Colexio de Xornalistas organizou no 2023 o webinar especializado Informar sobre suicidio: cando, como e para que, impartido por Gabriel González Ortiz, xornalista e profesor de comunicación navarro, autor do libro Hablemos del suicidio, pautas y reflexiones para abordar este tema en los medios. Con motivo da celebración desta data, o Colexio de Xornalistas quere facer este curso dispoñíbel de maneira gratuíta a todas as colexiadas e colexiados, que poden acceder a el a través da plataforma de formación online

Segundo os datos do IMELGA, o ano pasado producíronse en Galicia un total de 300 suicidios, o que supón o 30% das mortes violentas na nosa comunidade. O xornalismo pode e debe contribuír, coa devandita mudanza da narrativa, á prevención das condutas suicidas, que representan un grave problema de saúde pública na nosa comunidade. Ofrecer información axeitada, combater os mitos ou sensibilizar sobre o suicidio e a nosa mellor maneira de axudar a salvar vidas.

CPXG