O CPXG e a Fundación "la Caixa" poñen en marcha 'Aprendamos a ler a información', un programa de apoio á reinserción con xornalistas e escritores

Francisco X. González Sarria, Javier Fraiz, Francisco González e dous traballadores do centro, na inauguración de 'Aprendamos a ler a información'

Javier Fraiz inaugurou este mércores no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar o programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", que pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina a través de diálogos con xornalistas e escritores sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación. 

Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelecerase un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques. 

Na primeira xornada deste ciclo de charlas, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria explicou ás internas que o obxectivo é "introducirvos na comunicación e na información, para que aprendades a analizala, a distinguir entre as distintas liñas editoriais dos medios de comunicación, así como a diferenciar unha noticia do que é unha falsidade, unha fake news". Acompañado por Javier Fraiz, así como polo director do centro penitenciario, Francisco González, e por dous profesionais do mesmo, o decano convidou as reclusas a participar, con esta iniciativa, nun diálogo sobre o proceso informativo cos distintos profesionais da comunicación que acudirán a Pereiro de Aguiar.

O xornalista Javier Fraiz foi o encargado de abrir esta experiencia, debatendo coas reclusas sobre a información desde a consideración da súa dobre perspectiva de espectadoras de televisión, oíntes da radio e lectoras de periódicos, pero tamén de protagonistas das noticias que se publicaron sobre os seus procesos. Así, Fraiz indicou que "a nosa intención é transmitir que o traballo da prensa e a publicación de informacións satisfán o dereito dos cidadáns a coñecer que pasa e por que pasa”, pero tamén "aprender a través dos vosos testemuños de que cousas que se fan desde o xornalismo son mellorables, para reflexionar e mellorar o exercicio profesional”. “Os xornais aos que tedes acceso aquí, a radio e a televisión que podedes ver nas celas serven como vías de conexión co exterior. A información axuda a manter un pé aí fóra”, engadiu. 

As reclusas indicaron que a información de sucesos é un dos contidos que máis interese lles xera, pese a que varias apuntaron que as noticias sobre os seus casos se "esaxeraron" e tiveron un tratamento "morboso", o que leva, pola propia experiencia, a que ás veces dubiden da credibilidade das informacións que consultan. As mulleres de Pereiro amosaron o seu malestar pola publicación de nomes e apelidos das personas que son detidas ou investigadas, porque consideran importante manter o dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas inmersas nun procedemento xudicial, polo impacto que este tipo de publicacións xera no seu entorno familiar e social.

Javier Fraiz, nado en Ourense en 1986, é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa desde 2009 no Faro de Vigo, ademais de ter colaborado con Onda Cero, Radio Nacional de España ou a axencia EFE. Tras publicar en 2021 Abro comijazz, un libro que compilaba distintas crónicas de concertos, este ano saiu do prelo a súa primeira novela, Morte no espello.

A seguinte xornada contará coa participación do xornalista e escritor ourensán Manuel de Lorenzo. De Lorenzo presenta o programa da Radio Galega Música Cara B e escribe en revistas en xornais como El Progreso e o Diario de Pontevedra, ademais de en revistas como Jot Down ou CTXT. Vén de recibir o premio Julio Camba de Xornalismo na súa edición de 2022 e ten publicada a novela Todo lo demás es silencio

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

CPXG