O CPXG e a Consellaría de Emprego e Igualdade asinan un convenio para a formación de xornalistas en materia de xénero

Xuntanza entre represantes da Xunta de Goberno do CPXG coa conselleira de Emprego e Igualdade

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Francisco X. González Sarria, e a conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, asinaron un convenio para o desenvolvemento dun plan de formación en materia de igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero dirixido a profesionais dos medios de comunicación. 

Esta acción formativa pretende achegar ás redaccións coñecementos e ferramentas prácticas para abordar as informacións sobre violencia machista desde unha perspectiva de xénero. Nunha primeira fase, un equipo de xornalistas formadoras, integrado por profesionais de diferentes medios galegos, será formado e coordenado por María Isabel Menéndez Menéndez. Menéndez, profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Burgos, ten unha longa experiencia como docente e investigadora, ademais de como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

Este tipo de formación fora solicitada polo CPXG á Secretaria Xeral da Igualdade, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, con vistas a atallar tanto as eivas detectadas no tratamento destas cuestións, como, en xeral, as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres. A perspectiva de xénero no xornalismo e o correcto tratamento da violencia machista son dúas cuestións nas que ten traballado moito o Colexio de Xornalistas, especialmente desde a sinatura en 2004 da Declaración de Compostela. O plano de formación encádrase tamén na importancia estratéxica que a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero conceden aos medios de comunicación dentro da loita pola erradicación da violencia machista. A achega da Consellaría a este programa formativo está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. 

Entre os obxectivos formativos do plano figuran os de incorporar conceptos básicos sobre igualdade e violencia de xénero, analizar a percepción social que existe na sociedade sobre a violencia de xénero, reflexionar sobre os estereotipos que se transmiten desde os medios, comprender os mecanismos de socialización que afectan á violencia sexista ou entender os nexos que existen entre subordinación, sexismo e violencia.

CPXG

Arrinca a formación a xornalistas en materia de xénero e prevención da violencia machista