O CPXG considera necesario tratar de xeito específico os xornalistas autónomos e 'freelance' na reforma das cotizacións da Seguridade Social
Ante o anuncio do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións de levar a cabo unha reforma das cotizacións por ingresos reais dos autónomos, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a proposta da Comisión de freelance e autónomos, rexeita o modelo proposto e solicita que se teña en conta a especificidade da profesión xornalística de autónomos e freelance, de xeito que o sistema que se habilite sexa acorde coa realidade que afrontan estes profesionais que teñen no autoemprego a súa principal vía de acceso ao mercado laboral dun xeito precario, inestable e moi variable.
Asimilar a cotización á Seguridade Social dos freelance e xornalistas autónomos aos rendementos das actividades económicas, é dicir, á facturación menos os gastos deducibles, choca frontalmente cunha realidade na que os profesionais nesta situación vén como non poden deducir nos gastos por causa da súa actividade facturas por carburante, vestiario, telecomunicacións, enerxía, desgaste de vehículos e mesmo o uso de instalacións como centros de traballo por seren, ao mesmo tempo, unha dependencia ou domicilio familiar.
O Colexio de Xornalistas considera que aplicar dun xeito plano e sinxelo, a base de tramos, sen unha aplicación específica a unha realidade palpable e contrastable como a que viven os freelance e xornalistas autónomos, supón un agravio comparativo que pon en perigo o exercicio profesional de 73.315 persoas que gañan a vida a través deste medio de se achegaren ao mercado laboral.
Así, impoñer unha cota fixa baseándose nuns rendementos netos, sen posibilidades de desgravaren realmente os gastos que soporta o exercicio desta modalidade da profesión xornalística, supón un grave prexuízo para o traballador autónomo, que terá que facer fronte a unhas cotas da Seguridade Social que, lonxe do que se pretende conseguir a través do Pacto de Toledo, se converten nunha nova “trampa” na que poden verse atrapados moitos profesionais aos que lles merman uns ingresos inestables e aos que non se lles recoñece a posibilidade de desgravar gastos reais e certos que se producen no seu quefacer diario, pero que conflúen coa súa actividade privada e familiar (uso do coche particular para desprazamentos profesionais, cuarto da casa como oficina, telecomunicacións, etc.).
Desde o Colexio de Xornalistas téñense impulsado estudios, enquisas e sondaxes que lanzan datos moi preocupantes sobre este colectivo de profesionais, que teñen o índice de ingresos en moitos casos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional e que atopan na vía do freelance e do traballo autónomo un xeito de autoempregarse, subsistir e mesmo cotizar para tentar chegar á idade de xubilación, cando menos cunha pensión (xa non digna) para afrontar con certo apoio a súa derradeira etapa vital.
Este modelo profesional, que durante unha etapa pasada xa do século XX podería considerarse como minoritario, acada hoxendía niveis de crecemento exponencial debido á propia realidade do mercado laboral xornalístico, de onde son expulsados cada vez máis profesionais que despois de anos de experiencia e de disfrutar dun posto de traballo fixo son botados á rúa polas grandes empresas de comunicación, aproveitando reestruturacións por mor de sucesivas crises, a aparición da pandemia da covid-19 e o sistema de renovación dos cadros de persoal, que agocha tras de si a eliminación de antigüidades e dereitos laborais conquistados ao longo de moitos anos de esforzo colectivo, desartellando os medios de comunicación para dar paso ás novas xeracións con novas conquistas laborais por conseguir.
O Colexio de Xornalistas considera que mentres non se afronte de xeito específico a casuística que rodea os freelance e xornalistas autónomos en referencia, fundamentalmente, aos gastos a deducir, a solución que se arbitre será insatisfactoria e non dará resposta positiva á necesidade que entre todos buscamos.
Ante isto, o Colexio de Xornalistas propón aos demais colexios profesionais de xornalistas do Estado Español e ao Ministerio da Seguridade Social a apertura dunha mesa de diálogo para atender dun xeito real e concreto os problemas que aquí formulamos, como vía para atopar un modelo consensuado que dea resposta real e efectiva á necesidade de adaptar os módulos e sistemas de cotización á realidade dos freelance e xornalistas autómomos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia