O CPXG, a través do Observatorio dos Medios, e a Consellería de Innovación promoverán o xornalismo científico

O Director Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega Gómez, presentaron un acordo de colaboración entre a Consellaría e o CPXG para realizar distintas accións de formación, divulgación e comunicación da Ciencia. O acordo presentouse o 29 de xullo, no marco da entrega do IV Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación, que outorga a Consellaría, e no que o decano do CPXG fixo parte do xurado.
Este acordo inclúe a celebración dun Foro de Comunicación e Ciencia en Galicia, no último trimestre deste ano, dirixido a profesionais da información e a membros do mundo científico e tecnolóxico, co obxectivo de mellorar o diálogo e o entendemento entre ambos para, deste xeito, mellorar a comunicación da ciencia e da tecnoloxía cara a sociedade galega.

Ademais, contémplase tamén a realización por parte do OM e do CPXG dun seguemento do tratamento informativo da ciencia e da tecnoloxía polos medios de comunicación social galegos, co obxectivo de elaborar un informe sobre o estado actual da comunicación da ciencia en Galicia. Por último, e de cara xa ao ano que vén, anunciaron a posta en marcha dun programa de formación específico para avanzar na especialización dos profesionais da comunicación no ámbito do xornalismo científico.

Acordo cos medios
Por outra banda, a Consellaría de Innovación asinou outro convenio na mesma liña, esta vez cos directores de diferentes medios de comunicación galegos, para favorecer a divulgación científica e avanzar chanzos de cara a unha mellora da cantidade e da calidade da información sobre ciencia. Tamén neste punto o Observatorio Galego de Medios vai realizar un seguemento do traballo que realicen.