O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia repudia as prácticas que menoscaban a credibilidade do xornalismo

En relación coa publicación dos audios das conversacións entre o excomisario Villarejo e profesionais e responsables de medios de comunicación, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere manifestar o seu profundo rexeitamento ás prácticas que destas gravacións parecen deducirse e que resultan intolerables nun xornalista, que debe ante todo garantir o dereito á información da cidadanía. 

Non por obvio debe ser ignorado: os xornalistas deben contrastar a información e non publicar xamais aquela que se considere falsa; e en caso de confirmarse a falsidade, corrixir coa maior prontitude e coa máxima proxección posible. 

Ademais, a difusión de informacións das que se coñece a súa falsidade e a conivencia cos poderes ocultos, organizados no que se deu en chamar “cloacas do Estado”, son totalmente contrarias á deontoloxía da profesión. A utilización dos medios en beneficio de intereses espurios vai moito máis alá do dereito a unha liña editorial, totalmente lexítimo, para adentrarse en prácticas incompatibles co exercicio de algo que poida chamarse xornalismo.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere salientar que estas prácticas, aínda sendo minoritarias no ámbito da comunicación, non axudan a mellorar a credibilidade dunha profesión que non pasa polo seu momento de maior prestixio. Precisamente por iso é imperativo que o conxunto do xornalismo exprese con rotundidade a súa repulsa cara a estes comportamentos afastados da ética profesional que poñen en perigo o libre desenvolvemento da democracia. 

Fronte ás presións e aos intentos de utilización dos medios de comunicación por parte de grupos de poder, os e as xornalistas somos os principais interesados na total transparencia do ecosistema informativo. Unha cidadanía informada dos posibles intereses dos grupos mediáticos é a mellor garantía de que as e os profesionais poidan desenvolver o seu labor informativo con independencia deses intereses e así o xornalismo poderá seguir exercendo o seu papel como garante da democracia e non converterse noutro instrumento do poder.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia