O Colexio de Xornalistas traslada a súa inquietude pola situación dos medios públicos galegos
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa preocupación pola deterioración das relacións laborais que se está a producir na Corporación Radiotelevisión de Galicia. No último mes, foron múltiplas as queixas e solicitudes de amparo que chegaron a este colexio sobre traslados forzosos e inmediatos de persoal entre os diferentes postos de redacción da corporación. A isto sumouse a pasada semana o anuncio de limitacións para a celebración de asembleas do persoal nas instalacións da CRTVG.
Por todos estes motivos, o 21 de febreiro, o Colexio de Xornalistas enviou unha carta ao Director de Recursos Humanos da CRTVG, solicitándolle unha exposición detallada das razóns que xustificarían as mudanzas de postos de traballo malia aos efectos nocivos para a información da cidadanía e a estabilidade do cadro de persoal. A resposta de Víctor Tubío Villar foi que estas valoracións lle correspondían á dirección executiva da Corporación, polo que, ao día seguinte, o Colexio elevou a súa petición ao Director Xeral. Nunha carta recibida no Colexio o 8 de marzo, Alfonso Sánchez Izquierdo declinou facilitar información sobre o particular, asegurando que a dirección xa dá conta das decisións ante o Consello de Administración, o Parlamento de Galicia ou o Consello de Contas de Galicia.
Ante a negativa a xustificar a difícil posición na que se están a colocar os medios públicos galegos, e como entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia e que ostenta a representación legal dos e das xornalistas galegas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dirixiuse entón ao Consello de Administración da CRTVG, aos distintos grupos parlamentarios galegos, e a todos os membros da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación Radio e Televisión de Galicia, para solicitarlles que trasladen pola vía correspondente a inquedanza e as demandas deste Colexio. Os grupos dos Socialistas de Galicia e do Bloque Nacionalista Galego xa comunicaron a súa vontade de elevar as peticións da profesión xornalística á sede parlamentaria, o que o Colexio de Xornalistas quere agradecer desde aquí.
Cómpre lembrar que, como empregados e empregadas públicas, o cadro do persoal da CRTVG ten dereito á progresión na carreira profesional e ao recoñecemento da experiencia e dos coñecementos adquiridos, dereito que poñen en cuestión traslados forzosos como os que se están a realizar. Desde o Colexio de Xornalistas vese ademais con inquietude o detrimento da calidade da información que poden causar as mudanzas non negociadas de postos de traballo, realizadas de xeito automático, entre medios tan distintos como os que integran a CRTVG, con linguaxes, técnicas e especificidades propias.
É de extrema importancia garantir que os e as profesionais dos medios públicos poidan desenvolver o seu traballo con plena independencia, liberdade e sentido da respondabilidade, nun clima de diálogo profesional no que as discrepancias poidan canalizarse de maneira axeitada. Recordamos unha vez máis que seguen sen poñerse en marcha na CRTVG aspectos esenciais incluídos na Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, como o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, que posibilitarían a participación interna dos e das profesionais da información.
A defensa da seguridade laboral e da información da cidadanía é precisa en todos os medios, pero máis aínda se cabe na CRTVG, un tesouro que pertence a todas as galegas e galegos. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en cumprimento dos obxectivos marcados polos seus estatutos de defensa da profesión e do dereito á liberdade de información, non cesará no seu compromiso contra a deterioración dos medios públicos galegos. É por iso que reclama que a CRTVG reabra con urxencia as canles de diálogo co cadro de persoal para recuperar un clima laboral saudable que lle permita á Corporación prestar adecuadamente o servizo público que ten encomendado.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia