O Colexio de Xornalistas traslada á CNMC a preocupación polo incumprimento do EMFA en Galicia
A decana do CPXG, Belén Regueira, e o delegado en Madrid do Colexio, Fernando Varela, reuníronse este mércores co vicepresidente da Comisión Nacional de Mercados e a Competencia (CNMC), Ángel García Castillejo, e a directora de Telecomunicacións e Sector Audiovisual do organismo, Alejandra de Iturriaga Gandini. Na xuntanza o Colexio trasladou a súa preocupación pola falta de avances na implementación en Galicia do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios de Comunicacion (EMFA), que inclúe medidas para salvagardar o pluralismo informativo e a independencia editorial dos medios de comunicación, e de obrigado cumprimento en todos os estados membros desde agosto de 2025.
O CPXG trasladoulle á CNMC, autoridade reguladora do sector audiovisual en España, distintos aspectos do EMFA que non están salvagardados pola Lei 1/2025, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, en especial a falta de garantías no nomeamento dos órganos de goberno da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A decana do Colexio transmitiu así mesmo a inexistencia en Galicia dunha autoridade reguladora independente que supervise a aplicación do EMFA e a ausencia de normativa autonómica que fixe criterios transparentes, obxectivos e proporcionados de asignación da publicidade institucional, como o propio Regulamento establece. O CPXG e a CNMC conviñeron en manter a comunicación e a colaboración para avanzar na implementación do EMFA, nun contexto de crecente polarización e desinformación, con presións políticas, económicas e xurídicas que ameazan a sostibilidade dos medios e a súa función nas sociedades democráticas.
A interlocución coa CNMC enmárcase nunha serie de contactos do CPXG con autoridades galegas, estatais e europeas, para solicitarlles que garantan o cumprimento da lexislación europea en materia de liberdade de medios. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia enviou nos pasados meses distintos escritos neste sentido á Comisión Europea, ao Comité Europeo de Servizos de Medios de Comunicación / Media Board e á Valedora do Pobo. A Valedora do Pobo comunicou o arquivo do expediente, entendendo que o escrito do Colexio "non contén unha pretensión susceptible de intervención da Valedora do Pobo conforme as súas funcións, sen que corresponda a esta Institución pronunciarse ou fiscalizar cuestións relativas ao contido da Lei 1/2025". O Media Board, de cuxa listaxe oficial de entidades consultivas forma parte o CPXG, tomou nota da solicitude e requiriu información adicional sobre as accións emprendidas polo Colexio para urxir ás institucións e órganos reguladores a implementación do EMFA en Galicia.
CPXG