O Colexio de Xornalistas solicita ao Concello das Pontes que inclúa a titulación ou colexiación nos requisitos dun posto informativo

O decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, remitiu a pasada semana, en nome da Xunta de Goberno, unha misiva a Valentín González Formoso, alcalde das Pontes de García Rodríguez, na que lle reclama a revisión da convocatoria dunha lista de espera ou bolsa de traballo de redactor/a-locutor/a-cámara, na que só se require como titulación o graduado na ESO. O Colexio lembra que a FEGAMP ten asinado o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística e solicita ao Concello que se adhira a este acordo para que os postos xornalísticos sexan cubertos por persoas coa titulación ou colexiación correspondente. 

O día 18 de abril o Boletín Oficial da Provincia da Coruña anunciaba a convocatoria e bases para a constitución dunha lista de espera ou bolsa de traballo no Concello das Pontes de García Rodríguez, co obxecto de "acudir para cubrir as necesidades de contratación laboral temporal (circunstancias da produción, substitución da persoa titular, substitución por vacante...) na praza de redactor/a-locutor/a-cámara". Pese a que o posto ten claramente funcións informativas, e que unha das tres parte do exercicio de oposición consiste na "redacción dunha ou varias noticias", as bases inclúen como único requerimento de titulación para acceder ao posto ser "graduado/a en Educación Secundaria Obrigatoria (E.S.O.) ou equivalente". 

O decano Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, dirixiuse o pasado 20 de abril ao rexedor das Pontes, Valentín González Formoso, para lle lembrar que "só a titulación en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou mesmo a colexiación poden asegurar que a elaboración da información relacionada co seu concello sexa tratada con garantías e profesionalidade". Por esta razón, e como xa ten realizado noutros casos similares, o Concello solicita a revisión da convocatoria para garantir que se esixa a titulación adecuada a este posto de traballo, de evidente carácter xornalístico, ou no seu caso a colexiación.

Finalmente, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como entidade que representa legalmente os e as xornalistas galegas, e en cumprimento do obxectivo de defensa da profesión que marcan os seus estatutos, traslada a Valentín González Formoso que a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) xa ten asinado o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, que defende a contratación de xornalistas nos postos de comunicación da administración pública, e convídao a que o Concello das Pontes siga o seu exemplo e se adhira a este acordo pola contratación de xornalistas para os postos informativos nas administracións, como garantía da calidade na información.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia