O Colexio de Xornalistas salienta no Día Mundial da Radio o papel das emisoras locais

Con motivo da celebración, este domingo 13 de febreiro do Día Mundial da Radio, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere reivindicar a importancia das emisoras locais na construción dun ecosistema informativo que produza xornalismo independente e de calidade, adaptado a todo tipo de audiencias.

A undécima edición do Día Mundial da Radio celébrase este ano baixo o lema "A Radio e a confianza", que salienta a capacidade única do medio radiofónico para chegar ás audiencias máis amplas e dar forma á experiencia de diversidade da sociedade. Esta lema divídese á súa vez en tres liñas: confianza no xornalismo radiofónico, que ten que seguir a producir contidos independentes e de calidade; confianza e accesibilidade, para atender as necesidades informativas de todos os ouvintes e ser un catalizador da integración; e confianza e viabilidade das emisoras de radio, que vincula a supervivencia económica das emisoras de radio á súa capacidad para atraer e reter unha base suficientemente grande de ouvintes fieis.

No ámbito galego, esta capacidade da radio para xerar confianza desenvólvese especialmente a través da súa función como medio de proximidade, cunha numerosa rede de emisoras locais que ofrecen información inmediata adaptada ás características do poboamento do país e establecen unha relación moi persoal cos e coas ouvintes daquelas zonas que non cubren outros modelos mediáticos. Como quedou unha vez máis demostrado coa crise sanitaria, e igual que acontece tamén con outros medios, o xornalismo radiofónico local ofrece a miúdo algúns dos mellores exemplos da profesión, acadando uns altos niveis de calidade que non sempre son visibilizados como merecen por se dirixir a unha audiencia máis acoutada no ámbito xeográfico.

Porén, o ecosistema de pluralidade e profesionalidade informativa que representa na nosa contorna o conxunto das emisoras locais continúa a estar en perigo. Aos peches de medios, os expedientes de regulación de emprego e a precarización constante, comúns a todo un sector xornalístico en crise, súmanse as trabas específicas do eido radiofónico. Continúa sen se convocar o concurso para a concesión dos servizos de radiodifusión dixital, mentres que algunhas das concesionarias das licenzas da radio analóxica aínda non desenvolveran as emisións, unha situación que xa foi denunciada en numerosas ocasións polo Colexio de Xornalistas. A supervivencia das emisoras radiofónicas locais ten que ser considerada como un factor esencial para termos unha información máis libre, plural e próxima na nosa sociedade, así como para a xeración de emprego en todo o territorio

O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia