O Colexio de Xornalistas rexeita os "inaceptables" insultos dirixidos polo Conselleiro Cuiña Crespo contra un xornalista da revista INTERVIÚ

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), ante a petición de amparo formulada polo colexiado Manuel Rico Prada en relación con determinadas manifestacións realizadas o pasado luns sobre a súa persoa polo Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, José Cuiña, e en cumprimento dos puntos a, b, c e d do artigo 2 dos seus Estatutos, acorda por unanimidade a seguinte resolución:
1. O comportamento do Conselleiro de Política Territorial, insultando gravemente a un xornalista polo simple feito de ter cumplido o seu deber de informar sobre a suposta incompatibilidade entre o cargo público que desempeña e os seus vencellos familiares e de propiedade con un determinado grupo empresarial, non é compatible co debido respeto que tódolos representantes políticos deben gardar hacia o traballo dos profesionais da información.

2. O Conselleiro referiuse en diversos medios de comunicación ó autor da información como "un piolloso que vai polo río abaixo e vai matando nos piollos" . Engadiu tamén que xa publicara unha información parecida "e xa sabe as consecuencias que sufriu por esa falsa información". Cuiña refírese a unha información sobre a súa persoa aparecida en outubro de 1995 no xornal El Mundo de Galicia e sobre a que nin siquera chegou a solicitar a máis mínima rectificación. Dous anos despois Rico Prada foi trasladado á redacción do mesmo xornal no País Vasco.

3. Os insultos do Conselleiro de Política Territorial, José Cuiña, só poden entenderse como un intento de perxudicar as condicións nas que o xornalista afectado e tódolos xornalistas desenvolvemolo noso traballo.

4. Son obrigas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entre outras, garanti-la independencia e a liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, así como defender o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a tódolos cidadáns.

5. O Conselleiro de Política Territorial, se non está de acordo co contido dunha información, ten ó seu alcance mecanismos legais (desde o dereito de rectificación, cando procede, á realización de accións legais de acordo co establecido coa lei de defensa da honra e da propia imaxe) que non ten exercido nin nesta ocasión nin noutras ás que el mesmo ten aludido en relación con este caso.

6. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera absolutamente inaceptable que un cargo público replique informacións con insultos, descalificacións e ameazas veladas que non só ofenden gravemente a honra do xornalista afectado senon que só poden ser interpretados como un intento de limitar a liberdade de expresión de tódolos xornalistas e o dereito á información dos cidadáns. Por todo elo, e a petición do afectado, a Xunta de Goberno elevará tamén unha consulta os servicios xurídicos do CXPG para que examine a posibilidade de que Cuiña Crespo teña cometido algún delito ó facer as declaracións inxuriosas sinaladas.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2001

XUNTA DE GOBERNO