O Colexio de Xornalistas rexeita o requerimento a eldiario.es para revelar as súas fontes

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas rexeita o requerimento da xuíza María Cristina Díaz que solicita a eldiario.es revelar a fonte dunha información sobre a relación de bens contidos no Pazo de Meirás. O segredo profesional e a protección das fontes son principios básicos constitucionais sen os que non se podería garantir a liberdade de prensa, mais a súa falta de desenvolvemento legal segue a dificultar o labor informativo. O Colexio de Xornalistas solidarízase coa redacción do medio dixital na súa decisión de non revelar as súas fontes.

O medio dixital eldiario.es vén de revelar que a maxistrada María Cristina Díaz, titular do xulgado de instrución número 29 de Madrid, remitiu a finais de setembro un oficio ao seu director, Ignacio Escolar, solicitándolle que "indique o día que tivo acceso ese medio de comunicación ao informe sobre a titularidade dos bens mobles conservados no Pazo de Meirás (...), a persoa que llo proporcionou e o procedemento ou medio polo que recibiu o devendito informe". A petición refírese a unha información publicada en decembro de 2020 e pola que a familia Franco se querelou contra a funcionaria que elaborou o inventario, acusándoa dun presunto delito de revelación de secretos. A Fiscalía solicitou o arquivo da causa. 

O dereito a manter o segredo profesional e a confidencialidade das fontes son uns dereitos básicos sen os que non pode existir un xornalismo libre. Estes dereitos están recollidos, asemade, na Constitución Española, aínda que lamentabelmente, 42 anos despois de aprobada, segue sen se desenvolver o seu artigo 20, que estabelece que "A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ao segredo profesional no exercicio destas liberdades". Esta falta de cumprimento do mandado constitucional, que xa foi denunciada en numerosas ocasións (a última en febreiro deste ano polo Foro de Organizacións de Xornalistas), é a culpábel de que se continúen a producir atropelos como este á liberdade de prensa. 

O Colexio de Xornalistas quere mostrar o seu firme rexeitamento á petición realizada pola xuíza María Cristina Díaz e expresar a súa total solidariedade con Ignacio Escolar, que se negou a facilitar o nome da fonte de información, así como co conxunto da redacción de eldiario.es. A confidencialidade das fontes é esencial para garantir o dereito á información, e desde o conxunto da profesión temos que repudiar frontalmente os constantes ataques que se realizan contra este dereito básico. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia