O Colexio de Xornalistas reclama no Día Mundial da Radio dotar de persoal as emisoras locais

Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio este luns 13 de febreiro, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar que a eliminación de emisoras locais deteriora o importante labor que ten a radio como medio de proximidade, e reivindica a necesidade de dotar de recursos humanos aos seus cadros de persoal.

A información radiofónica vive na nosa contorna un momento de auxe, tanto na súa versión tradicional como nos novos formatos, do que é necesario congratularse. A radio é o medio considerado con máis credibilidade polos españois e aumentou a súa audiencia no 2022, e seis de cada dez internautas consumen algún tipo de audio dixital. Segundo o último Estudo Xeral de Medios, máis do 50% das galegas e galegos son ouvintes radiofónicos. E, con todo, esta recuperación do medio non se viu acompañada da recuperación das emisoras ou dos postos de traballo que foron desaparecendo ao longo das últimas crises do xornalismo. 

Como xa salientamos noutras ocasións, no éxito da radio ten un papel moi importante a información inmediata, adaptada ás características do poboamento, que ofrece este medio no ámbito galego. Pero esa función non pode manterse sen unha adecuada dotación de persoal que permita conservar a especial relación persoal que mantén con ouvintes de moitas zonas que non cubren outros modelos mediáticos. Resulta innegábel que a radio, como o resto de medios, terá que adaptarse aos novos tempos e ás novas tendencias, máis non é menos evidente que sen emisoras e sen xornalistas, será imposíbel manter o seu labor informativo. Por iso, o Colexio de Xornalistas pide ás distintas empresas mediáticas que fagan unha aposta pola información local que redunde na dotación de recursos e cadros de persoal suficientes para estas emisoras.

O Día Mundial da Radio foi estabelecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.

Este ano, na duodécima edición do Día Mundial da Radio, a UNESCO quere salientar, baixo o lema "Radio e paz", o valor da radio independente como piar para a prevención de conflitos e a consolidación da paz. A organización internacional lembra que "en contextos de tensión afastadas ou inmediatas, os programas pertinentes e os informativos independentes sentan as bases dunha democracia sustentábel e unha boa gobernabilidade, ao xuntar probas sobre o que está a acontecer, informar aos cidadáns ao respecto en termos imparciais e baseados en feitos, explicar o que está en xogo e mediar no diálogo entre os diferentes grupos da sociedade.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia