O Colexio de Xornalistas reclama a titulación como requisito para ser considerado xornalista na futura lei do segredo profesional

O Consello de Ministros aprobou este martes o Anteproxecto de Lei Orgánica Reguladora do Dereito ao Segredo dos Profesionais da Información, que responde a una reclamación histórica da profesión, mais que foi redactado sen a participación dos colexios de xornalistas e ignora a titulación e a colexiación como garantes do respecto ao código deontolóxico e da información profesionalizada. 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita o desprezo ás titulacións de Xornalismo e Comunicación Audiovisual que supón a definición de xornalista incluída no Anteproxecto de Lei Orgánica Reguladora do Dereito ao Segredo dos Profesionais da Información que aprobou este martes 22 de xullo o Consello de Ministros. O texto do anteproxecto, que foi redactado sen consultar nin a este colexio nin á Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, non fai ningunha referencia ás titulacións oficiais ou á colexiación, que son as garantes dun traballo profesionalizado e  do respecto ao Código Deontolóxico. 

A regulación do segredo profesional é un mandado constitucional que leva xa case medio século de demora no seu desenvolvemento: Tras décadas nas que foi unha reivindicación histórica da profesión xornalística, parece que por fin o Goberno vai regular este dereito, mais faino ignorando os colexios de xornalistas, corporacións de dereito público que representan as e os informadores, e delegando unicamente nunha asociación privada a interlocución, nun "menosprezo sistemático" cara as institucións profesionais que xa denunciamos e que se reflicte tamén na inexistencia do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas que hai vinte e cinco que debera ter sido creado polo executivo.

Esta desconsideración cara aos colexios profesionais é a que explica que se ignoren a titulación e a colexiación na definición dos suxeitos do dereito ao segredo profesional. A titulación (ou no seu caso a colexiación) deben ser requisitos indispensábeis para ter a consideración de xornalistas na lei, de maneira que a administración defenda os dereitos dos e das profesionais  xa existentes, poña en valor a formación e as institucións creadas polos propios poderes públicos e garanta o respecto aos códigos deontolóxicos (sexa a través da súa inclusión nos planos de estudo ou do compromiso de cumprilo que fan colexiadas e colexiados). Coa actual definición, que considera xornalistas "toda persoa física ou xurídica que se dedique profesionalmente á busca, tratamento e difusión de información veraz de interese público, a través de calquera medio de comunicación, coa finalidade de facer efectivo o dereito á información", o executivo delega a súa responsabilidade para, na práctica, privatizar a consideración de xornalista, vencellándoa ás decisións das empresas sobre quen inclúen nos seus cadros de persoal. 

Para evitar que a tan desexada regulación do segredo profesional poida ser lesiva para o conxunto das e dos profesionais, as universidades que ensinan xornalismo e comunicación e a sociedade en xeral, o CPXG volve reclamar que se consulte e se teña en conta a opinión dos colexios profesionais no futuro desenvolvemento da lei. Así mesmo, chama ao conxunto de xornalistas e ás tres universidades galegas a unírense na defensa da educación superior como vía de entrada ao xornalismo para garantir a formación deontolóxica, a igualdade de acceso e a dignidade da profesión.

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia