O Colexio de Xornalistas reclama a retirada do artigo 5.7 do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que a actual redacción do artigo 5.7 do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia pode ser interpretada como unha limitación da liberdade de información, ao apuntar implicitamente á administración como única fonte autorizada. Por esa razón, solicita á Xunta de Galicia a retirada deste artigo para evitar calquera posíbel lectura contra este dereito fundamental. 

A Xunta de Galicia anunciou o pasado 20 de abril o inicio da tramitación do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, realizado pola Consellería do Medio Rural. O texto do anteproxecto, dado a coñecer unha semana máis tarde, ao iniciarse o prazo para remitir suxestións, inclúe na súa redacción o seguinte parágrafo, correspondente ao artigo 5.7: "Esta prohibida para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais".

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considerada totalmente inadecuada a redacción deste punto, posto que pode entenderse como unha limitación do dereito á liberdade de información consagrado polo artigo 20 da Constitución Española. A indefinición do que sexa susceptíbel de considerarse como "feitos ou datos falsos" e o abandono do concepto de veracidade, utilizado pola carta magna e que pon o foco na profesionalidade con que se realiza a información, parecen apuntar implicitamente aos datos oficiais da administración como única fonte posíbel en materia de superficies queimadas. 

Cómpre salientar que as e os xornalistas teñen a posibilidade (por non dicir a obriga deontolóxica) de obter datos alternativos sobre os lumes de distintas fontes, como axentes forestais, ambientalistas, a viciñanza ou os propios efectivos de extinción dos incendios. Estas testemuñas teñen, por suposto, que ser contrastadas de maneira profesional, pero serven para contextualizar e, no seu caso, contrarrestar ou pór en dúbida os datos oficiais da administración, que non deixa de ser tamén unha fonte interesada. Calquera tentativa de limitar a posibilidade de expresión ou de transmisión destas fontes só pode redundar nun gravísimo deterioro do dereito da cidadanía a ser informada, intolerábel nun estado democrático.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas traslada á Xunta de Galicia, polas vías correspondentes, a reclamación de que retire o artigo 5.7 do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, para evitar sen ningún xénero de dúbidas unha interpretación da norma que poida levar a coartar o exercicio do xornalismo.

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia