O Colexio de Xornalistas programa unha serie de seminarios online sobre comunicación corporativa
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza nas mañás dos días 11, 13 e 17 de novembro A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, un ciclo de seminarios online que analizará aspectos como as estratexias de comunicación dixital, a comunicación corporativa ou o deseño dun plan de comunicación. A formación estará impartida por Bárbara G. Vilariño, Xosé Luis Reza e María Isabel Míguez González e o programa complementarase cunha xornada presencial o 20 de novembro. Xa está aberta a inscrición, libre e gratuíta, para os distintos seminarios, que se realizan coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza unha serie de seminarios online baixo o título A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia. As formacións, gratuítas, versarán sobre "Estratexias de comunicación dixital" (impartida por Bárbara G. Vilariño), "Comunicación corporativa" (por Xosé Luis Reza) e "Deseño dun plan de comunicación" (con María Isabel Míguez González) e desenvolveranse os días 11, 13 e 17 de novembro a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. As sesións serán gravadas para que aquelas persoas que non poidan asistir teñan tamén acceso posteriormente ao seu contido.
O programa formativo iníciase o martes 11 de novembro ás 11:00 co seminario "Estratexias de comunicación dixital", a cargo da xornalista e consultora de comunicación dixital Bárbara G. Vilariño. Tras unha época na COPE e Xornal de Galicia, Vilariño traballou desde 2009 para institucións e empresas de ámbito industrial, enerxético, sociosanitario e político, con especial dedicación nas novas canles e narrativas, e desde 2024 comunica e difunde a través do colectivo Davella, do que é fundadora. O seminario estará presentado por Jorge Isla Rodriguez, director de Comunicando Consultoría de Comunicación e membro do Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas.
O xoves 13 de novembro chegará o seminario "Comunicación corporativa", impartido ás 11:15 por Xosé Luis Reza, director de márketing de Iuni Strategic Marketers. Licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC, MBA pola Escola de Negocios Caixanova e Máster en eBusiness pola Universitat Politècnica de Catalunya, Reza desenvolveu toda a súa carreira responsabilidades de márketing e comercialización en diversas empresas. Actualmente é presidente do Clúster do Ecommerce de Galicia e presidente fundador de Markea e do Clúster da Comunicación de Galicia. Presenta a sesión José Sixto García, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
No ultimo seminario, o luns 17 de setembro ás 11:00, María Isabel Míguez González, directora do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, ensinará como se fai o ""Deseño dun plan de comunicación". Míguez imparte “Dirección de Comunicación” no Grao en Publicidade e Relacións Públicas e “Dirección Estratéxica de Comunicación Dixital” no Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, ademais de coordinar o grupo de investigación SEPCOM e formar parte do grupo de innovación docente DIXITAIS. Angela Casal Fernández, membro da Xunta de Goberno do Colexio, será a encargada de introducila.
Ademais, o xoves 20 de novembro, a formación sobre comunicación empresarial vai complementarse cunha xornada presencial na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, en Santiago. O programa, que se dará a coñecer proximamente, analizará as estratexias da comunicación corporativa desde a perspectiva dupla das grandes empresas e as axencias de comunicación.
O acceso é libre e gratuíto para todas as persoas, e os seminarios realizaranse a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. Para inscribirse é preciso cubrir o formulario online, indicando aquela formación na que se ten interese, ata o día anterior á data de celebración do primeiro webinar no que te anotes. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición e poderá solicitarse certificado de asistencia. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña
