O Colexio de Xornalistas presenta un programa formativo gratuíto para a promoción laboral dos e das comunicadoras
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de pór en marcha un programa de formación online orientado a fomentar a promoción económica e laboral dos e das xornalistas de Galicia. A actividade, subvencionada pola Deputación da Coruña, está aberta de balde a todas as persoas colexiadas e xornalistas interesadas e componse de cinco módulos independentes, que tratan temas como o autoemprego, as fontes de datos, a ciberseguridade, as ferramentas de comunicación e a igualdade de xénero.
Os e as xornalistas galegas levan moito tempo sufrindo unha crise de precariedade laboral, á que recentemente se sumou o impacto no mercado de traballo da pandemia da COVID-19. Cun labor xornalístico cada vez máis esixente e marcado pola innovación e a especialización, moitos profesionais da información vense obrigados a buscar saídas profesionais que antes non contemplaban. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, quere dar resposta a esa busca de solucións laborais e dar opcións ás e aos xornalistas que se atopan en busca de emprego ou na procura dunha mellora laboral coa posta en marcha dun programa formativo online adaptado aos novos tempos e ás demandas das sociedade.
Esta actividade formativa busca dotar ás persoas participantes das ferramentas necesarias para a súa actualización profesional, darlles solucións para poder adaptarse ás novas demandas de emprego, formalas en materias necesarias para unha mellor eficacia no traballo e abrirlles novas portas laborais. Para se adaptar mellor ás necesidades de cada xornalista, o programa da formación componse de cinco módulos independentes, complementarios entre si:
- Módulo 1: O autoemprego.
Impartido por Pablo Santiago Martínez, xornalista.
Presentado por Angela Fernandez Casal, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
- Módulo 2: As fontes de datos.
Impartido por David Lombao Rodríguez, xornalista.
Presentado por Belén Regueira Leal, vicedecana 2ª do CPXG.
- Módulo 3: Ciberseguridade.
Impartido por Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Presentado por Valeria Pereiras Reza, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
- Módulo 4: Ferramentas de comunicación.
Impartido por Beatriz Losada Bobillo, especialista en márketing en redes sociais.
Presentado por Eliana Martíns Alvela, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
- Módulo 5: A promoción da igualdade de xénero desde o xornalismo.
María Isabel Menéndez Menéndez. Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Burgos.
Presentado por Belén Regueira Leal, vicedecana 2ª do CPXG.
As persoas interesadas poden realizar todo o programa ou só aquela parte que consideren adecuada á súa situación profesional e laboral. O acceso aos cursos é libre e gratuíto e realizarase a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. As colexiadas ou colexiados poden acceder introducindo o seu nome de usuario e contrasinal para acceder á intranet. Se aínda non o tes, ou esquecíchelo, podes solicitalo no teléfono 981 935 670 ou en xornalistas@xornalistas.gal. O resto de persoas interesadas poderán inscribirse de balde e solicitar o acceso aos webinars mandando un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal.
Máis información aquí.
CPXG