O Colexio de Xornalistas pon á disposición do público xeral as entrevistas a xornalistas sobre a Covid-19

Tras a publicación o pasado venres da derradeira entrevista, realizada a Patricia Hermida, o Colexio de Xornalistas pon en acceso aberto toda a serie de conversas sobre o tratamento informativo da pandemia que foi realizando desde o 22 de outubro. Un total de 31 profesionais da comunicación expresaron neste espazo as súas opinións sobre como a crise sanitaria afectou ao xornalismo. 

Coa entrevista do pasado 4 de xuño a Patricia Hermida, o Colexio de Xornalistas puxo fin á serie de conversas con distintos xornalistas sobre como a Covid-19 afectou á nosa profesión. Desde que se puxo en marcha, en outubro do ano pasado, un total de 31 profesionais da comunicación de Galicia, con perfís moi diversos, contestaron ás preguntas do Colexio sobre temas como a cobertura informativa da crise sanitaria, o auxe do xornalismo de datos, os atrancos no acceso á información, as consecuencias laborais e psicolóxicas da pandemia no xornalismo, a infodemia, o aumento da desinformación ou o valor do xornalismo local ante unha crise global. 

Con motivo do remate da serie, o Colexio de Xornalistas pon en acceso aberto estas entrevistas, que en principio foron un contido exclusivo para colexiados e colexiadas a través da parte privada de xornalistas.gal. Desta maneira, a partir de hoxe todo o público en xeral pode consultar as distintas conversas con xornalistas recompiladas nesta páxina, que os membros do CPXG foron recibindo todos os venres a través do boletín F5. As versións públicas reducidas foron compartidas tamén a través das redes cos cancelos #entrevistascovid e #xornalistasnapandemia.

A serie de entrevistas con xornalistas que están a traballar na cobertura informativa da Covid-19 foi realizada polo Colexio de Xornalistas co propósito de salientar o papel do xornalismo na pandemia e de alentar a reflexión conxunta sobre o tratamento informativo da alerta sanitaria.

CPXG