O Colexio de Xornalistas organiza o 7 de abril unha xornada para analizar o uso da IA no xornalismo

A xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades xuntará na mañá do luns 7 de abril a expertos en IA como Ramón Salaverría ou Patricia Ventura na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. O encontro está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia. A xornada, libre e gratuíta, xa ten aberto o prazo de inscrición, complementarase posteriormente con webinars formativos.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, a xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, o vindeiro luns 7 de abril. A xornada, que se desenvolverá a partir das 9:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Avenida de Castelao, s/n), contará coa presenza de expertos como Ramón Salaverría ou Patricia Ventura, entre outros representantes da comunicación, da enxeñería informática e da academia. 

A irrupción da intelixencia artificial (IA) está a revolucionar nos últimos tempos a práctica do xornalismo. Se ben presenta grandes potencialidades como ferramenta para automatizar tarefas repetitivas ou analizar datos a grande escala, o seu uso na profesión ten suscitado numerosas dubidas éticas e legais, ademais das ameazas que supoñen horizontes como a posíbel substitución das e dos profesionais por máquinas sen reflexión xornalística ou produción en masa de desinformación. Para afrontar este novo paradigma desde a información e a reflexión, e cunha perspectiva galega, o Colexio de Xornalistas organiza esta xornada na que quere ponderar cales son as posibilidades reais e o uso que se está a facer realmente desta tecnoloxía na nosa contorna, así como os desafíos que representa para o futuro da profesión. 

A xornada vai dar comezo ás 9.00 horas do luns coa presentación a cargo Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Ana Isabel Vázquez Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. A continuación, Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora na Universidade da Coruña, e Alba Meijide, consultora independiente de IA, debaterán sobre O momento IA: Como chegamos aquí e cara onde imos, baixo a moderación do presidente dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática, Fernando Suárez Lorenzo.

Ás 10:30 terá lugar a primeira das conferencias, baixo o título IA e periodismo: principios éticos para unha adopción responsable, a cargo da doutora en medios, comunicación e cultura Patricia Ventura, integrante do Comité Asesor en IA responsábel da Corporació Catalana de MItjans Audiovisuals. Ventura estará presentada por Manuel Rey, responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e membro da Xunta de Goberno do CPXG. Ao rematar a mesma, terá lugar un descanso. 

Tras a pausa, a actividade retomarase ás 12:00 cunha mesa de debate sobre Os medios ante o reto da IA desde a perspectiva galega, cunha mesa redonda coa presenza de Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Raúl Romar García, xornalista de La Voz de Galicia; e Xabier Rolán, profesor titular da Universidade de Vigo; coa moderación de Lucía González, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea).

E o peche da xornada chegará ás 13:30 coa conferencia de clausura de Ramón Salaverria, que vai disertar sobre A IA no xornalismo actual. Salaverría, que é catedrático de Xornalismo da Universidade de Navarra, membro da Academia Europæa e entre 2022 e 2023 dirixiu o Comité de expertos do Consello de Europa para aumentar a resiliencia dos medios; vai estar presentado por Xosé López García, catedrático de Xornalismo da USC.

O programa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia sobre a intelixencia artificial na comunicación vai completarse nos próximos meses cunha serie webinars formativos sobre a materia, dos que se informará proximamente polas canles habituais. 

A asistencia á xornada O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades é libre e gratuíta, pero a efectos de organización é necesario inscribirse enviando o nome completo, DNI e número de teléfono ao correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. As persoas inscritas poderán solicitar un certificado de asistencia.

CPXG