O Colexio de Xornalistas ofrece de balde os seus últimos webinars a colexiados e colexiadas
Seguindo a política de dispoñibilizar todos os cursos online de balde para colexiados e colexiadas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia abre hoxe de maneira gratuíta os tres últimos cursos que se mantiñan como privados na súa plataforma de formación: Comunicación social para combater o discurso do odio, Como comunicar cambio climático con éxito e Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias.
Comunicación social para combater o discurso do odio é unha formación, coorganizada xunto a Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, que reflexiona, con exemplos reais, sobre como o discurso do odio está presente en multitude de traballos xornalísticos, independentemente da temática, e ofrece algunhas técnicas para combatelo e contrarrestalo, ademais de analizar e propor narrativas alternativas. O curso estivo impartido por Uxía Pérez Fieiras e Verónica Couto Tasende, ambas as dúas xornalistas ademais de técnicas de educación social de Agareso.
O segundo dos webinares abertos hoxe, Como comunicar cambio climático con éxito, analízanse todas as mudanzas que se produciron na comunicación ambiental e do cambio climático e cales son agora as claves do éxito deste tipo de informacións. Ademais, nel vense exemplos de boas prácticas a seguir e afóndase nas temáticas ambientais e nas principais fontes informativas do xornalismo ambiental. O curso está impartido por María García de la Fuente, que exerce o xornalismo ambiental desde hai 25 anos e actualmente é a presidenta da Asociación de Periodistas de Información Ambiental.
Por último, Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias ten a finalidade de fornecer un coñecemento básico da lóxica do popular programa de follas de cálculo de Microsoft, así como das aplicacións que poden ser máis útiles no día a día dun xornalista, desde simples cálculos de medias ou variacións porcentuais até a fusión de dúas follas cálculo, a limpeza de táboas de datos ou o manexo de táboas dinámicas. O encargado da formación é Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola USC cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff e actualmente editor de datos en ICIS.
Coa apertura destes cursos ao conxunto de colexiados e colexiadas, o Colexio de Xornalistas quere contribuír á formación continuadas das e dos xornalistas galegos e mellorar o tratamento de cuestións de amplo interese informativo na actualidade, como son o discurso de odio e a emerxencia climática, así como avanzar nun campo tan necesario nos nosos días como é o xornalismo de datos. O Colexio de Xornalistas chama ao conxunto de profesionais a consultaren estes cursos e aplicaren as súas indicacións e prácticas recomendadas no exercicio do seu traballo.
Para consultar os webinars, é preciso acceder á plataforma de formación online, na parte privada da web de xornalistas.gal, co nome de usuaria ou usuario e contrasinal. Se aínda non dispós das claves ou esqueciches as túas credenciais, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. A plataforma de formación online acolle xa unha vintena de cursos, a inmensa maioría deles accesíbeis de maneira gratuíta.
CPXG