O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente o falecemento de Manuel Blanco Rey
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recibe con tristura a nova do pasamento do fotoxornalista Manuel Blanco Rey e traslada as suas condolencias á familia e persoas achegadas do fotógrafo, falecido este domingo, que foi membro do CPXG.
Nado en 1947 en Santiago de Compostela, Manuel Blanco Rey entrou no mundo da fotografía desde moi novo, e en 1964 xa exerce o fotoxornalismo no El Correo Gallego, medio no que desenvolveu a meirande parte da súa carreira e no que chegou a ser xefe da sección gráfica durante varias décadas. Foi tamén correspondente do El País durante 12 anos, e colaborou con outros xornais, ademais de coas axencias EFE e Europa Press. Ademais de colexiado do CPXG, foi fundador da Asociación Nacional de Informadores Gráficos e membro da Asociación de Fotógrafos Profesionais de Galicia. Recibiu numerosos recoñecementos, como o Premio Galicia de Xornalismo en 1987, Premio Galicia de Comunicación en 2003, o Premio Fundación Caixa Galicia-Unha Vida en Imaxes en 2007 ou o nomeamento como Fotógrafo Histórico pola Deputación da Coruña en 2014.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o cariño de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia