O Colexio de Xornalistas lamenta profundamente a morte de Emilio Navaza
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere transmitir o pesar da profesión e as súas condolencias a toda a familia e persoas achegadas do xornalista Emilio Navaza, falecido o venres 13 de febreiro. Referente do xornalismo deportivo, Navaza foi colexiado do CPXG.
Nado en Pontevedra en 1948, Emilio Navaza González, irmán da tamén xornalista Tareixa Navaza, viviu en Eivisa uns anos antes de afincarse definitivamente, con 13 anos, en Santiago de Compostela. Alí destacou como atleta na Sociedade Deportiva Compostela e diplomouse en Maxisterio, chegando a exercer como profesor. Mais a súa paixón era o xornalismo deportivo e a mediados dos setenta entra a traballar na sección de deportes de El Correo Gallego, ocupándose principalmente do baloncesto, o ciclismo e por suposto o atletismo. Navaza chegaría a ser xefe de deportes dese xornal, ademais de cubrir a información deportiva en Radio Obradoiro até a súa xubilación en 2011. Foi tamén un dos impulsores da Carreira Pedestre Popular de Santiago e autor de libros como Gallegos en la gloria olímpica, Voluntad de hierro. Los Gallegos de Barcelona 92, año olímpico, Historias Atlética de Galicia ou Vigo, capital atlética.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o pésame á súa familia e persoas achegadas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia