O Colexio de Xornalistas fai balance da actividade do 2021

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai balance da actividade realizada ao longo do ano 2021. Nun ano no que o exercicio do xornalismo continuou marcado pola crise sanitaria, o Colexio non esqueceu a reivindicación da igualdade de xénero, a defensa da profesión fronte a todo tipo de ataques ou a necesaria formación das e dos xornalistas. 

Malia a que os peores momentos da crise sanitaria semellan estar xa lonxe, o 2021 remata, igual que o ano anterior, sen que a actualidade da profesión deixe de estar marcada pola covid-19. Da súa influencia no xornalismo e dos retos da súa cobertura mediática foron dando boa conta a serie de entrevistas que o Colexio de Xornalistas realizou ao longo deses dous anos a distintos profesionais galegos, e que axiña verán a luz tamén en formato libro. Agora, conforme os efectos da vacinación masiva traen cada vez maiores doses de normalidade, cómpre analizar os danos causados ao tecido informativo, e estarmos vixiantes para que non produzan novos retrocesos na liberdade de información. Tamén para recoñecer, como fixeron o premio Somos Esenciais a Isabel Bravo e o José Couso a Manuel Rico, o valor do bo xornalismo nunha situación de pandemia.

Así e todo, como temos advertido en numerosas ocasións, a presenza esmagadora da pandemia non pode facer esquecer outros retos aos que se enfrenta a profesión, entre os que a necesaria igualdade de xénero segue a ocupar un espazo principal nas preocupacións do Colexio. A presenza nas informacións de voces expertas femininas, a necesaria adopción dunha perspectiva de xénero ou o compromiso na loita contra a violencia de xénero foron algunhas das reivindicacións que exemplifican un compromiso que levou á posta en marcha dun ambicioso plan de formación que leve ás redaccións coñecementos e ferramentas necesarios para un xornalismo responsábel en materia de xénero.

Tampouco podemos esquecer que exercer o xornalismo continúa a ser unha labor perigosa, no ano en que perdimos a David Beriain e Roberto Fraile. O Colexio de Xornalistas mantívose atento á situación das e dos informadores en lugares como Guinea Ecuatorial e Afganistán, mais tamén dos ataques á liberdade de información máis próximos, como o requerimento a eldiario.es, contrario ao dereito ao segredo profesional, ou o sinalamento ao editor de El Jueves. A defensa da titulación fronte ás prácticas de distintas institucións continuou a ser tamén un dos principais obxectivos do Colexio ao longo deste 2021. 

O Colexio de Xornalistas tamén contribuiu á necesaria actualización das e dos profesionais, pondo en marcha unha plataforma de formación que se estreou co curso 'Comunicación social para combater o discurso do odio' ou facendo fincapé nas recomendacións sobre temas de actualidade, como o tratamento dos suicidiosFinalmente, a nivel organizativo, a finalización da renovación das demarcacións territoriais, o órgano de maior proximidade da actividade colexial e a posta en marcha dunha comisión de freelance que responda ás necesidades crecentes deste colectivo foron as principais novidades deste 2021. E quedan aínda no tinteiro outras moitas actuacións que non teñen espazo nestas pequenas liñas de balance. 

Nunhas circunstancias que provocaron a declaración do xornalismo como "actividade esencial", e no medio dunha crise mediática de longo alcance, o labor do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia revélase máis necesario que nunca. A defensa da profesión, a salvagarda do dereito de prensa e a mellora das condicións nas que se exerce o xornalismo son loitas necesarias que  teñen como consecuencia unha considerábel mellora na información e na calidade democrática de toda a cidadanía. Ese é o camiño que, un ano máis, percorreu o Colexio. Para que as xornalistas e os xornalistas galegos poidan ter no 2022 un ano mellor para exercer o seu labor, imprescindíbel para unha sociedade libre. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia