O Colexio de Xornalistas fai 25 anos en defensa dos e das xornalistas galegas
Con motivo do vinte e cinco aniversario, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia inclúe a partir de hoxe no seu logotipo unha referencia a esta efeméride, e mañá iniciará nas redes sociais unha serie de recordatorios dos momentos máis destacados deste cuarto de século de traballo en defensa da profesión. Estas conmemoracións súmanse á exención dos gastos iniciais de colexiación para todas as persoas que se dean de alta no Colexio ao longo deste ano.
O 8 e 9 de abril do 2000, en Santiago de Compostela, a primeira Asemblea Xeral do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) aprobaba os estatutos e elixía a primeira Xunta de Goberno, dando comezo á andaina desta institución en defensa da profesión xornalística. Este 2025. o CPXG quere conmemorar o 25 aniversario do seu nacemento, cunha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo do ano.
Así, hoxe presentamos un novo deseño que acompañará ao noso logotipo, ao longo de todo este 2025, para conmemorar a efeméride. E a partir de mañá, lembraremos a través de varias das nosas redes sociais, algúns dos principais fitos que, na defensa dos dereitos da profesión e da liberdade de prensa, marcaron a historia do Colexio de Xornalistas. As distintas información poderán seguirse nas redes sociais co portelo #25anosdoCPXG.
Ademais, como xa anunciamos, para celebrar o aniversario, ao longo deste ano as novas altas no CPXG estarán exentas dos gastos iniciais de colexiación, tendo unicamente que abonar as cotas anuais de pertenza ao Colexio. O obxectivo é sumar cada vez máis profesionais a esta casa de todas e todos os xornalistas, para seguir facendo anos de traballo en prol dunha profesión máis libre e independente e unha sociedade mellor informada.
CPXG