O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar polo pasamento de Isabel García Vázquez

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no nome de toda a profesión, lamenta profundamente o falecemento, aos 64 anos de idade, da xornalista e colexiada Isabel García Vázquez, e traslada as súas condolencias a toda a familia e persoas achegadas

Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Navarra, Isabel García Vázquez desenvolveu unha longa carreira profesional en diferentes medios escritos, audiovisuais e gabinetes de comunicación. Tras dar os seus primeiros pasos no xornal La Voz de Córdoba, formou parte da delegación de Viveiro de La Voz de Galicia, de Radio Cadena Española na Coruña, Radio Minuto en Santiago e de Antena 3 en Viveiro. Dedicouse tamén á comunicación institucional, tanto para o Concello de Cerceda como nas empresas Reclam e Cisa, e puxo en marcha proxectos xornalísticos como El Periódico de Arteixo e PEstudio.

Ademais da súa faceta comunicativa, García Vázquez destacou polo seu compromiso social, en particular no relacionado cos dereitos dos e das menores. Nai de acollida dunha vintena de menores, dedicou ao sistema público de protección os libros Dónde está el interés superior del niño, El Día que me quieras, e El Laberinto de Olivia y Julia. Tamén organizou distintas iniciativas benéficas, como a gala Alas en tus pies para sufragar medicamentos para nenos e nenas.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolle con pesar a morte desta compañeira e traslada o cariño da profesión a todas as persoas que comparten a dor polo seu falecemento.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia