O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar pola morte de Mariola Moreno

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolle con moita tristura a perda a pasada semana da nosa compañeira Mariola Moreno, xornalista de Infolibre. Na súa memoria, recollemos o obituario publicado por Yolanda González en Infolibre, no que lembra con agarimo a súa figura.

Mariola Moreno, a conexión co corazón de infoLibre

Yolanda González

“Noite Meiga. Que todos os desexos se fagan realidade”. Era 24 de xuño, noite de San Xoán, e Mariola Moreno Burgos (Cidade Real, 1976) escribía esta mensaxe no seu perfil de Twitter. Os seus amigos, e en infoLibre contámonos entre eles, non dubidamos á hora de pór na lista o primeiro deses desexos: que quedase connosco. Que a enfermidade lle dese unha tregua. Non se cumpriu. Enterrámola este venres. Estamos moi tristes. 

Estamos moi tristes porque Mariola é historia de infoLibre. Viunos nacer. Viunos na incubadora. Viunos crecer. Viunos sufrir. E tamén nos viu levantarnos. Foi testemuña de todo porque sempre estivo aí, gozando con cada éxito. Pasándoo mal cando o pasabamos mal. Unha de nós.

Cando infoLibre era só un proxecto na cabeza duns cantos, ela xa era unha peza fundamental na nosa relación con Mediapart. Unha vez que o proxecto botou a rodar, Mariola foi a xanela pola que os lectores asomaron aos mellores temas do noso socio editorial francés. A súa firma, como tradutora, está en case todos eles. 

Pero sobre todo foi a conexión co corazón de infoLibre. Como coordinadora do Club infoLibre, Mariola foi todos estes anos noso enlace cos socios, a razón de ser deste proxecto. Mariola consentía cada artigo de Librepensadores coma se fose unha peza de museo. Diso son testemuñas todos os socios que se animaron a mandar os seus textos. Coñecíaos a todos. Sabía de memoria as súas inquietudes, os seus temas favoritos, a periodicidade coa que adoitaban enviar os artigos…

A de infoLibre non é a única redacción na que deixou pegada pola súa forma serena, sinxela, responsábel e rigorosísima de exercer o xornalismo. Moitos dos que hoxe están neste medio xa compartiron espazo con ela no xornal Público. Tamén pasou, entre outros, por La Opinión de A Coruña e por Interviú.

Seguro que os socios e lectores de infoLibre me perdoan se dou un saltiño ao plano persoal, porque a Mariola Moreno xornalista, filla de Juan e Dolores, irmá de Juan, parella de Darío e nai de Gael, tamén era a miña amiga. E iso tamén o bordaba. Coñecémonos en Interviú hai máis de 20 anos. Ensinoume moito e con moita paciencia de xornalismo. Moito. E seguiume ensinando todos estes anos. Tamén me ensinou a buscar diferentes enfoques ás decisións máis difíciles da vida. Mesmo cando máis baixiña de forzas estaba. “E que máis dá se te equivocas, Yoli?, Que máis dá?”, repetíame. “Yoli”, o nome co que me chaman na casa.

Mariola foi a máis Willy Fog de todos os meus amigos. Eu sempre saía gañando das súas viaxes porque na maleta de regreso nunca faltaba un Principiño para min no idioma do seu lugar de destino. Xa encarguei unha edición de El chaval principeras. Encargareime persoalmente de facer un huequito para Madrid, o teu Madrid, no andel da túa casa da Coruña.

Mariola tamén foi a mellor copiloto de todas as miñas decisións. Pasou o último ano aplaudindo que eu volvese ao cole. Coñecía todas as materias. O calendario de exames. Todas as notas. Os meus bufidos a conta do TFM… 

E podería seguir, Marioliña. Pero hai cousas que se se verbalizan perden maxia e agora non estou para dispendios.

PD: Coñecín a túa nai. Xa o sabe. Pero tiven que insistirlle en que che encantan as súas tortillas de pataca.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Mariola Moreno, a conexión co corazón de infoLibre