O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar pola morte de Gerardo González Martín

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere transmitir ás súas condolencias polo falecemento de Gerardo González Martín e trasladar o cariño de toda a profesión á familia e amigos do xornalista vigués, falecido o pasado sábado.

Nado en Ávila en 1942, Gerardo González Martín titulouse en xornalismo en 1962 e ese mesmo ano comezou a traballar como redactor no Faro de Vigo, iniciando unha carreira que xa non se desvincularía de Galicia. Ocupou cargos directivos en numerosos medios, como redactor xefe e despois director de Radio Popular en Vigo, delegado da COPE para Galicia, director de El Correo Gallego, xefe de sección en Faro de Vigo, director de Televisión de Galicia, responábel das emisoras de Antena 3 de Vigo e Pontevedra, ou xefe de informativos primero e director despois en TelevigoColaborou tamén en innumerábeis xornais e revistas. Ademais, foi un dos colexiados do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia no momento da súa fundación no ano 2000.  

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia , en nome do conxunto da profesión, quere expresar o seu fondo pesar polo pasamento deste compañeiro e trasladar as súas condolencias á familia e persoas achegadas.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia