O Colexio de Xornalistas e a Deputación de Pontevedra presentan o libro ‘#xornalistasnapandemia’

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Deputación de Pontevedra presentan este sábado 12 de marzo, ás 12.00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial (Avda. Montero Ríos, s/n, Pontevedra), o libro #xornalistasnapandemia, unha recompilación de conversas con xornalistas de Galicia sobre a cobertura da pandemia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, presentan este sábado unha publicación editada polo CPXG que ve a luz grazas á colaboración da Deputación pontevedresa. No acto participará tamén a coordinadora do proxecto e vicedecana do Colexio, Belén Regueira.

O libro recolle 29 entrevistas con profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia desde Galicia, noutras comunidades autónomas e noutros países. Nas entrevistas, realizadas polo Colexio de Xornalistas durante 2020 e 2021, analízase o papel do periodismo nesta emerxencia sociosanitaria e as condicións nas que os e as profesionais desenvolveron o seu traballo nestes últimos anos. As entrevistas difundíronse primeiramente a través da web e redes do CPXG co cancelo #xornalistasnapandemia. A publicación deste libro contribuirá a seguir visibilizando o labor do xornalismo galego durante a pandemia e constitúe xa un testemuño que axudará a avaliar o traballo destes anos no futuro.  

A asistencia é gratuíta e está aberta ao público xeral. Por motivos de organización e capacidade da sala, para poder asistir é preciso inscribirse en xornalistas@xornalistas.gal ou do teléfono 981 93 56 70. Seguindo as normas derivadas da crise sanitaria da covid-19, o uso de máscara será obrigatorio no acto.

CPXG