O Colexio de Xornalistas e a Asociación de Prensa organizan un debate electoral en Lugo

Os candidatos á Alcaldía de Lugo dos catro partidos que obtiveron representación nas últimas eleccións municipais participarán o vindeiro luns, día 15, nun debate, organizado conxuntamente polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e pola Asociación de Prensa de Lugo. Será na Casa do Saber (Praza Pío XII, 3), ás 19.30 horas e moderarao a xornalista Lourdes Abuide.

Confirmaron a súa participación Elena Candia (PP), Lara Méndez (PSOE), Rubén Arroxo (BNG) e Olga Louzao (Ciudadanos). No debate, artellado en bloques temáticos, os candidatos abordarán aspectos que preocupan aos lucenses, relacionados coa economía, a mobilidade e os retos de futuro. A entrada é libre, até cubrir a capacidade da sala.

A Asociación de Prensa de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pretenden con esta iniciativa facilitarlle información directa aos e ás lucenses de cal é a visión da cidade dos partidos que acadaron representación nas últimas eleccións municipais e que volven a presentarse ás do vindeiro día 28. E, tamén, permitiralles coñecer as súas diferentes achegas para solucionar os problemas existentes nos diferentes eidos.

O acto será retransmitido en streaming, a través desta ligazón. Nas canles en YouTube da Asociación de Prensa e do Colexio de Xornalistas quedará tamén a gravación para quen desexe consultala.

Este traballo realizarano alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son, baixo a supervisión do profesorado. A iniciativa, en colaboración co CPR TIC, permitirá ás e aos estudantes un primeiro contacto coas esixencias dunha faceta do mercado laboral, ao que se enfrontarán unha vez rematado o seu ciclo formativo.

Ambas as organizacións agradecen a colaboración tanto da USC, que presta o salón de actos, como da Deputación, institución da que depende a Escola de Imaxe e Son.

CPXG