O Colexio de Xornalistas denuncia o abuso de actos públicos que impiden as preguntas dos medios

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere denunciar publicamente o abuso por parte de institucións públicas e de partidos políticos da convocatoria de actos nos que se impide, por acción ou por omisión, as preguntas dos redactores sobre os asuntos de actualidade.
Exemplo deste tipo de actos foi a reunión da Interparlamentaria do Partido Popular, celebrada os días 10 e 11 deste mes na Coruña, na que os xornalistas practicamente non puideron facer ningún tipo de pregunta. Nos dous días de encontro dos dirixentes do PP non se convocou nin unha soa conferencia de prensa, ou comparecencia, que lles permitise ós redactores recoller as súas opinións sobre a axenda política e económica.

Este xeito de actuar únese ó abuso por parte dos dirixentes políticos –sexa como responsables das Administracións públicas ou como voceiros dunha determinada formación- de fórmulas de comunicación que se converten en actos propagandísticos sen posibilidade de contraste xornalístico.

As convocatorias só para gráficos, declaracións institucionais pechadas, conferencias de prensa que non admiten preguntas á marxe e comunicados públicos -cando estes son empregados como única resposta oficial sobre un asunto de actualidade- constitúen un atranco para o exercicio profesional dos xornalistas, que teñen entre as súas obrigas básicas a de preguntar.

Esta Xunta de Goberno censura ademais a práctica, xa estendida entre os partidos políticos, de impedirlles ós cámaras a gravación de imaxes dos seus actos, baixo o pretexto de que xa ofrecen un sinal realizado para tódalas televisións. Este tipo de actuación cuestiona a pluralidade dos medios, que se ven así obrigados a ofrecer a imaxe que pretende dar unha determinada formación política.

Algo semellante acontece coas valoracións gravadas en audio que algunhas institucións e partidos lles envían as emisoras de radio. A práctica é censurable cando o político accede a iso, pero se nega a atender á emisora que pretende obter esa valoración a través das súas propias preguntas.

O CPXG insta a institucións públicas e partidos a actuar coa máxima transparencia, a restrinxir o emprego de fórmulas como as citadas e a facilitar o traballo dos xornalistas.

Asemade, ante a proximidade das vindeiras eleccións autonómicas, esta Xunta de Goberno estará moi vixiante sobre o comportamento dos partidos políticos, co obxecto de que non caian na tentación de recurrir de xeito sistemático a actos públicos que convirtan o xornalista nun mero copista.

Por último, a Xunta de Goberno aconsella a xornalistas e medios que reflictan nas súas informacións as condicións que impoñen as institucións públicas e os partidos políticos nas súas convocatorias, con especial énfase nos casos nos que se impida formular preguntas.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2008

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)