O Colexio de Xornalistas denuncia a situación crítica das e dos xornalistas en Gaza

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase á denuncia da situación das e dos profesionais da información en Gaza e reclama que se deteña o asasinato de xornalistas, que se permita a entrada de informadores internacionais e que se garantan os subministros básicos mínimos para toda a poboación da faixa. 

O Sindicato de Xornalistas Palestinos, que recibiu este ano o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa contabiliza xa 230 xornalistas asasinados, 480 feridos. 49 detidos e 112 instalacións de medios destruídas desde que Israel comezou a súa ofensiva o 7 de outubro de 2023. As cifras reflicten de por si que a de Gaza é unha das guerras máis devastadoras da historia para a profesión, mais á violencia inherente a todos os conflitos bélicos súmase agora un perigo máis, o da inanición. Os e as xornalistas locais, os únicos que poden informar desde o terreo, están a sufrir o mesmo destino que o resto dos seus compatriotas: unha fame propiciada polo bloqueo e as políticas do exército invasor que os conduce irremediabelmente á morte.

Hai escasos días, a cadena pública británica BBC e tres das axencias de noticias máis prestixiosas (a estadounidense Associated Press, a británico-canadense Reuters e a francesa Agence France-Presse) reclamaban nun comunicado conxunto que se permita a entrada e a saída de xornalistas de Gaza, e alertaban de que as e os seus colaboradores, que "foron os ollos e os oídos do mundo" sobre o que está a acontecer na Faixa, están a verse cada vez máis dificultados para conseguir alimentos para si mesmos e as súas familias. 

Alén doutras accións sobre as que deberán decidir os tribunais internacionais, é preciso dicir ben alto que a estratexia de Israel en Gaza é hoxe a dunha guerra contra a verdade. O impedimento de acceso á prensa internacional, a eliminación física de centos de xornalistas locais, a censura de contidos e, agora, a condena á inanición daqueles e aquelas que, contra todos os elementos, seguen a trasladarnos a realidade do territorio ocupado teñen como obxectivo imponer unha única versión dos feitos: a da propaganda de guerra de Israel. 

A comunidade xornalística internacional non pode ficar calada ante un dos maiores atentados contra a nosa profesión na historia. Cómpre seguir a alzar a voz até que se deteñan todos os crimes contra as e os informadores e se garanta o respecto aos dereitos humanos en Gaza. A loita pola seguridade dos e das xornalistas gazatís é tamén a loita polo noso dereito a informar e sermos informados. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia