O Colexio de Xornalistas defende a profesionalidade das e dos traballadores da RTVE

Perante os sinalamentos e os ataques de políticos contra persoal da Radiotelevisión Española (RTVE), a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere solidarizarse cos traballadores e traballadoras dos medios públicos estatais e lembrar que o papel das e dos xornalistas non é o de servir de correa de transmisión ás mensaxes dos partidos senón o de contrastar as afirmacións e garantir o dereito da cidadanía a ser informada. 

Cómpre defender unha vez máis a profesionalidade das e dos traballadores dos medios públicos, que conseguen desenvolver o seu labor informativo nunhas circunstancias que, se ben non sempre son as mellores, polo xeral manteñen unhas garantías de independencia e pluralismo moito maiores que as das empresas de comunicación privadas, que ademais doutro tipo de presións, vense sometidas a condicionamentos económicos. Ataques como os sufridos pola xornalista Silvia Intxaurrondo son precisamente os que poñen en perigo o dereito a exercer o xornalismo de forma que cumpra co seu servizo á sociedade. 

Por outra banda, o Colexio de Xornalistas quere lembrar a calquera partido político que as e os xornalistas da radio e televisión públicas son os primeiros interesados en avanzar na independencia do seu traballo, e que para iso xa teñen realizado numerosas propostas como o Manifesto sobre os medios de comunicación públicos da Rede de Colexios de Xornalistas ou a petición, reiterada con cada nova convocatoria ás urnas, de que a información electoral se rixa por criterios profesionais e non por cotas de pantalla. A responsabilidade de que se dean pasos cara adiante na calidade, pluralidade e viabilidade dos medios públicos é precisamente dos partidos políticos, polo que farían mellor en propór medidas ao respecto no canto de atacar as e os xornalistas cando o seu labor contrastando os datos non sexa do seu agrado. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia