O Colexio de Xornalistas de Galicia reitera o seu apoio ó colectivo profesional de Antena 3 TV sometido a un expediente de regulación de emprego

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar publicamente o seu profundo malestar por todo o que veu ocurrindo cos xornalistas e outros profesionais de ANTENA 3-TELEVISIÓN sometidos -en número de 254 fixos e outros tantos temporais- a un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e abocados a teren que abandonar os seus postos de traballo. Un longo proceso de negociacións, e de mobilizacións e protestas, non ten servido, lamentablemente, para reconducir e racionalizar unha situación que, polo que atinxe a Galicia, determinou xa o peche dos centros de traballo de A Coruña e Vigo e deixará a Delegación de Santiago de Compostela cunha plantilla reducida a pouco menos da metade.
Para o CPXG resulta sorprendente que todo isto suceda nun medio de titularidade privada, nada distante -todo o contrario- do Goberno Aznar, que non dubidou en utililizalo e mangonealo da man dunha empresa como Telefónica, e outros adláteres, coa finalidade de recompoñer e reforzar un aparello mediático dócil cos posicionamentos e as apetencias do Poder.

Non foi allea a ese Poder a xestión de Antena 3 TV meses atrás nin tampouco a recente venta ó Grupo Planeta, pero si resulta cando menos chamativo que as influencias gobernamentais desapareceran cando os problemas de xestión levaron ós directivos a apostar polas solucións baseadas na eliminación de varios centos de postos de traballo e na anulación de traxectorias profesionais, -sen blindaxe, naturalmente- coa pretensión nada disimulada de sustituilas axiña por emprego precario e salarios miserables. Unha vella e triste historia en todos os nosos sectores productivos. Tamén no hipersector da comunicación.

O CPXG quere reiterar o seu apoio ó colectivo profesional de Antena 3-TV, ás súas reivindicacións e ás súas mobilizacións. Apoio expresado con anterioridade ós profesionais de Antena-3 TV-Galicia e a representantes do Comité de Empresa e materializado nun seguemento informativo reflectido no grande número de informacións e pronunciamentos recollidos a diario, desde o inicio do conflicto, no noso portal www.xornalistas.com

O CPXG expresa tamén o seu pesar polo silenciamento de que foi, e segue a ser, obxecto este conflicto por parte de Antena 3 TV e dos outros medios, con moi poucas excepcións. Lamentamos, unha vez máis, que quen relatan e airean problemas e conflictos noutros sectores -e así debe ser- calen de xeito tan vergonzante e opten pola opacidade e a censura cando se trata de algo que lles afecta directamente ou de problemas que atinxen ós xornalistas e ós profesionais da comunicación.

O CPXG quere deixar claro, en todo caso, xunto coa súa activa solidariedade e o decidido apoio ó colectivo de Antena 3 TV, o desprezo que lle merecen as actitudes de quen, desde a prepotencia ou o silenciamento, non fan máis que agraviar ó colectivo do que dependen.

Por último, desde o CPXG, que agrupa a 1.088 profesionais, constatamos que o sucedido en Antena 3 TV, e outras situacións conflictivas explícitas ou tácitas no hipersector da comunicación, só poden e deben ser enfrontadas coa acción unitaria, solidaria dos profesionais, asociados e organizados. Só ese impulso colectivo será quen de facer fronte a tanto despropósito, a tanto abuso e a tanta desconsideración.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2003.