O Colexio de Xornalistas de Galicia proxecta unha exposición sobre a marea negra do Prestige

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza en colaboración con BURLA NEGRA, a sección cultural da PLATAFORMA NUNCA MÁIS, unha exposición sobre a marea negra do Prestige coa que pretende, dunha banda, poñer de relevo o traballo dos fotoxornalistas nesta crise e, doutra, denunciar as trabas coas que se están a atopar os profesionais da comunicación para desenvolver o seu traballo. E, sobre todo, aportar un gran máis de area en axuda dos máis afectados.
A mostra contará cunha selección das imaxes máis representativas desta crise, que irán acompañadas de textos realizados para a ocasión por distintas persoas que protagonizan, dende a súa voz e a súa postura, unha defensa da dignidade de Galicia neste momento tan difícil. Igualmente, haberá unha proxección audiovisual que acompañará á exposición, que terá carácter itinerante, dentro e fóra do país.

O Colexio de Xornalistas fai, pois, un chamamento ós fotógrafos para que se poñan en contacto coa Secretaría da mostra e cedan solidariamente as imaxes que consideren máis axeitadas para este fin. A tal efecto habilitouse un correo electrónico específico en secretaria@xornalistas.com onde se poden remitir as fotografías debidamente documentadas (título, data, lugar, etc) e as páxinas dos medios onde foron publicadas, de ser o caso. O prazo para a recepción de imaxes remata o 10 de xaneiro. Neste mesmo correo pódese solicitar máis información, ó igual que no teléfono do CPXG, 981 93 56 70. As fotografías enviaranse coa resolución habitual coa que se traballa en prensa (en caso de escanear a imaxe, recoméndase facelo a 300 dpi e despois comprimir os arquivos para enviala). Recoméndase enviar un máximo de catro imaxes, sobre distintos aspectos da traxedia.

A exposición incluirá a edición dun catálogo e de tarxetas postais que se venderán nos lugares onde se mostre ésta, ademais de na propia sede do CPXG en Santiago de Compostela (Rúa Montero Rios, 33, 2ºC).

Dentro deste proxecto solicitarase igualmente o envío solidario de imaxes sobre o traballo dos mariñerios e voluntarios na loita contra o fuel oil para a elaboración dun Calendario de 2003, que tamén se porá á venda.

Por último, o CPXG quere lembrar unha vez máis que o labor dos xornalistas en calquera ocasión, e en especial nesta, é un cometido absolutamente necesario e de servicio á sociedade, que garante o dereito desta a estar informada con transparencia e obxectividade, a pesar de que, desde algunhas instancias, se teña pretendido, ou aínda se pretenda, limitar esa transparencia e esa obxectividade.

Santiago de Compostela, 23 de Decembro de 2002.