O Colexio de Xornalistas de Galicia considera inaceptable a expulsión de fotógrafos e cámaras do Concello da Coruña

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Vega, dirixiu hoxe unha carta ó alcalde do Concello da Coruña, Francisco Vázquez, na que lle transmitiu o malestar dos xornalistas coruñeses —extensible ó conxunto dos profesionais galegos— pola súa decisión de expulsar "de malos modos" e de xeito inapropiado da respectabilidade do cargo que obstenta ós fotógrafos e cámaras de televisión que, convocados pola propia corporación municipal, cubrían a inauguración o pasado 30 de marzo dunha exposición da ONCE no Pazo de María Pita.
Segundo o decano do CPXG, a corporación de dereito público que por lei representa ó xornalismo galego, a conducta de Francisco Vázquez vulnera o dereito á información dos cidadáns e non se corresponde co deber de transparencia esixible ós poderes públicos nunha democracia. Por este motivo, Xosé Manuel Vega empraza ó alcalde coruñés a que poña fin a este tipo de comportamentos e que facilite o traballo dos xornalistas coruñeses.

O CPXG permanecerá vixiante na esperanza de que feitos desta natureza non se repitan no futuro.