O Colexio de Xornalistas de Galicia condena o intento de agresión terrorista contra Luís María Ansón, Federico Jiménez Losantos e Gloria Lomana

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) fixo público un comunicado no que condena o intento de atentado con cartas-bomba contra os xornalistas Luís María Ansón, Presidente do diario La Razón, Federico Jiménez Losantos, director do programa radiofónico "La mañana de la COPE" e Gloria Lomana, xefa de informativos de Antena 3 Televisión.
O Colexio expresa a súa satisfacción polo fracaso da acción terrorista -as cartas-bomba foron desactivadas- e a súa solidariedade cos xornalistas citados e con todos os xornalistas e traballadores dos medios ós que iban diridos os artefactos explosivos.

"Resulta desacougante, afirma o CPXG, que, logo da inmensa traxedia perpetrada en Madrid o pasado 11 de marzo, haxa aínda individuos dispostos a recurrir á semente do terror nunha ácción só merecedora de condena e desprecio".

"Neste caso, remata o comunicado do Colexio de Xornalistas de Galicia, o terror iba dirixido contra o libre exercicio da profesión, e da liberdade de expresión de tres xornalistas, co que apuntaba tamén a ese dereito esencial da cidadanía nunha sociedade democrática".

O Colexio subliña a necesidade da defensa das liberdades e dos dereitos democráticos e o aillamento e a condena de quen pretenden violentar a convivencia pacífica "en contra da vontade absolutamente maioritaria expresada recentemente de viva voz e en pacíficas e silenciosas manifestacións pola sociedade española".