O Colexio de Xornalistas convoca o V Premio Somos Esenciais e aumenta a súa dotación ata os 2.000 euros
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca un ano máis, en colaboración con Gadis, o premio 'Somos Esenciais'. Nesta quinta edición, a organización eleva a dotación do premio até os 2.000 euros. Co lema A información ao servizo da xente, este galardón reforza a súa mensaxe cun seminario de xornalismo social que terá lugar a finais de ano. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata as 14.00 horas do venres 30 de maio de 2025.
O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', para publicacións en Galicia durante o 2024, ten como obxectivo é recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. O galardón premia o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia ao longo do ano pasado.
As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do venres 30 de maio a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio, que este ano se eleva até os 2.000 euros, aínda que o xurado poderá facer tamén as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.
O xurado estará composto por Belén Regueira Leal, decana do CPXG; Francisco X. González Sarria, vicedecano 3º do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Ana Isabel Rodriguez Vazquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; Fátima Carmena Mayorga, en representación de Gadisa; Lara Dopazo Ruibal, vogal da Xunta Directiva de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacións e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e delegada da Asociación Nacional de Informadores de Saúde; ademais de Alba Chao Vázquez, como gañadora da pasada edición do Premio 'Somos Esenciais'.
Seminario de xornalismo social
Ademais, no último trimestre do ano, celebrarase un seminario de xornalismo social co título A información ao servizo da xente. Nesta xornada preténdese reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia. O seminario ven a reforzar a mensaxe do Premio "Somos Esenciais”, e pretende ser un punto de encontro entre xornalistas e entidades do terceiro sector. A asistencia será gratuíta e da súa celebración informarase polas canles habituais de comunicación do Colexio.
Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER, e finalista a reportaxe «La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes"», publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron as gañadoras da edición de 2022 pola serie de reportaxes en La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: "¿Se porta bien?"», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; con María de La Huerta, como finalista coa peza «Suicidio de mayores, un drama silenciado», publicada no mesmo xornal. O ano pasado, Alba Chao, xornalista de Faro de Vigo, foi recoñecida como gañadora pola reportaxe «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista co traballo «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes.
Máis información nas bases do premio ou a través do correo xornalistas@xornalistas.gal.
CPXG