O Colexio de Xornalistas convoca o II Premio 'Somos esenciais' para traballos sobre a pandemia en Galicia no 2021
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca, en colaboración con Gadis, a segunda edición do premio 'Somos Esenciais', que ten como obxecto recoñecer o traballo xornalístico máis salientábel sobre a Covid-19 en Galicia no ano 2021. O premio está dotado con 1.500 euros e un diploma acreditativo. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 14.00 horas do xoves 19 de maio de 2022.
O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG), coa colaboración de Gadis, convoca por segundo ano o Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', que reivindica o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia da Covid-19. O certame recoñecerá o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran ou emitiran traballos relacionados coa pandemia en Galicia ao longo do ano 2021.
As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do xoves 19 de maio a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.
O xurado estará composto por Isabel Bravo Francos, xornalista gañadora da pasada edición do Premio ‘Somos Esenciais' Antía González Paredes, membro do Departamento de Comunicación de Gadisa; Francisco X. González Sarria, decano do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; Belén Regueira Leal, vicedecana segunda do CPXG, Lucía Rodríguez Peña, voluntaria e membro da xunta directiva de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacions e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e representante da Asociación Nacional de Informadores de Saúde.
Na primeira edición do Premio 'Somos esenciais' resultou gañadora a xornalista Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitida na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Un total de 39 pezas, de todos os formatos xornalísticos e con distintos enfoques, foron presentadas ao premio na edición do ano pasado, destacando o xurado a alta calidade de todos os traballos presentados.
Máis información nas bases do premio ou a través do correo xornalistas@xornalistas.gal.
CPXG