O Colexio de Xornalistas considera unha mala nova para a profesión que a 'lei Mordaza' continúe en vigor

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta que non se conseguira chegar a un acordo para, cando menos, eliminar os aspectos máis lesivos para a liberdade de información da Lei de Seguridade Cidadá, e insta aos partidos políticos a incrementar os esforzos para derrogar ou reformar esta lei tan perniciosa para as e os comunicadores. 

Sen entrar a facer valoracións sobre as razóns das distintas formacións para xustificar os seus posicionamentos, o acontecido onte na Comisión de Interior do Congreso dos Deputados só pode entenderse como unha mala noticia para a profesión xornalística e un fracaso colectivo de todos aqueles partidos que, dunha maneira ou outra, eran partidarios de modificar a Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como 'lei Mordaza'. Que esta normativa tan daniña continúe en vigor oito anos despois, malia a unha maioría parlamentaria que contemplaba a súa derrogación nos programas electorais, resulta totalmente incomprensíbel para a sociedade.

O conxunto da profesión xornalística non pode permanecer alleo ao debate sobre esta norma, que supón importantes trabas ao dereito a informar. Os e as comunicadoras expóñense a seren multadas en determinadas circunstancias ou mesmo a que se lles confisquen as imaxes obtidas, ao sancionarse un suposto uso non autorizado das mesmas sen explicitar a quen corresponde outorgar esta autorización e estabelecendo no que na práctica é unha limitación previa á liberdade de expresión. Isto non é apenas unha hipótese, senón que desde o momento en que entrou en vigor esta lei temos sido testigos de numerosas sancións neste sentido, nun dos maiores retrocesos da liberdade de prensa no noso país. É por esta razón que a práctica totalidade das organizacións xornalísticas (entre as que podemos citar algunhas como a Rede de Colexios, o FOP, a FeSP, a FEP ou RSF) temos reclamado en numerosas ocasión que esta lei sexa derrogada ou polo menos reformada.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia deplora o feito de que as desavinzas entre os distintos partidos permitan que continúe en vigor unha normativa que día tras día segue a lesionar os intereses da profesión, e quere aproveitar esta ocasión para manifestar unha vez máis o seu rexeitamento frontal á Lei de Seguridade Cidadá. Por todo isto, apela á responsabilidade dos e das representantes políticas para acadaren canto antes un acordo firme, plural e valedoiro, que libre a xornalistas e ao resto da sociedade das restricións intolerábeis dunha norma que nunca debeu ser aprobada. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia